A Escola de Música “Ó Compás do Río Ouro” abre o prazo de matrícula para o curso 2026-2027

AMariñaXa
A asociación cultural impulsa unha nova etapa formativa con clases de vento, corda, piano, guitarra e iniciación musical para todas as idades
compas-do-rio-ouro-1-aula
31 May 2026

A Asociación Cultural e Xuvenil “Ó Compás do Río Ouro” vén de anunciar a apertura do prazo de matrícula para o curso 2026-2027 da súa Escola de Música, unha proposta formativa que continúa a consolidarse na contorna e que ofrece unha ampla variedade de disciplinas para alumnado de todas as idades.

A oferta inclúe formación en vento, percusión, guitarra, violín, piano e outras especialidades, ademais dun espazo específico de iniciación musical dirixido aos máis pequenos, co obxectivo de achegar a música de maneira lúdica e progresiva aos nenos e nenas que comezan o seu contacto co mundo artístico.

Desde a asociación animan a participar tanto a crianzas como a persoas adultas, independentemente da súa experiencia previa, destacando o carácter aberto e inclusivo da escola. As persoas interesadas poden obter máis información a través do teléfono 674 938 003 ou do correo electrónico asociacionocompasdorioouro@gmail.com.

A escola conta cun equipo docente formado por cinco profesionais da música vencellados á Mariña, o que permite ofrecer unha ensinanza próxima e adaptada ao contexto local. Luís encárgase de piano e coro; Brais, de vento metal e linguaxe musical; Xacobe, de corda e orquestra; José Meitín imparte guitarra, combo rock e dirixe o coro de adultos; e Pablo Peláez é o responsable de vento madeira, coro xuvenil e linguaxe musical.

A resposta das familias está a ser moi positiva, e a asociación xa conta con arredor de 30 socios, 30 alumnos e alumnas e unha decena de persoas adultas inscritas no coro. Dende a organización destacan que a escola está aberta a todas as idades e que o obxectivo é seguir medrando e ampliando a súa oferta formativa nos próximos cursos.

0.11526799201965