A Escola de Música e Danza de Ribadeo leva a súa actividade ao Centro de Día e ao Hospital da Mariña

AMariñaXa
O profesorado impulsa unha iniciativa solidaria que achega música e danza a persoas en situación de coidado e recuperación
EMMeD-iniciativa-solidaria
Mini Campamento de Semana Santa, Ribadeo
30 May 2026

O profesorado da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo desenvolveu recentemente unha proposta de carácter cultural e solidario mediante actuacións no Centro de Día A Concordia e no Hospital Público da Mariña.

A iniciativa busca trasladar a música e a danza fóra do ámbito estritamente académico para integralas na vida social, achegando os seus beneficios emocionais a persoas que, polas súas circunstancias, non poden acudir a espazos escénicos convencionais. Durante as visitas, os docentes ofreceron interpretacións variadas que contribuíron a xerar un ambiente de acompañamento, tranquilidade e alegría tanto entre os usuarios do centro de día como entre os pacientes hospitalizados.

A actividade contou coa colaboración do persoal sanitario e asistencial, facilitando o desenvolvemento das actuacións en ambos os espazos e garantindo a súa adaptación ás necesidades dos destinatarios.

Desde a dirección da escola subliñan que este tipo de propostas forman parte do compromiso do centro coa dimensión social da arte. Neste sentido, destacan que a música e a danza “non son só ensinanzas artísticas, senón ferramentas capaces de mellorar o benestar e a calidade de vida, especialmente en contextos vinculados aos coidados ou á recuperación da saúde”.

A boa acollida da iniciativa reforza a intención da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo de continuar impulsando proxectos en colaboración con institucións sociais e sanitarias da comarca, co obxectivo de achegar o seu labor educativo á realidade e ás necesidades da cidadanía.

0.13431310653687