A emoción do motor regresa á Mariña coa 12ª Subida A Pontenova

AMariñaXa
A cita automobilística, puntuable para o Campionato Galego de Montaña, contará cun esixente percorrido de case cinco quilómetros e reunirá escuderías de toda Galicia
subida-a-pontenova-salida
18 May 2025

A localidade lucense da Pontenova volverá a converterse nun referente do motor galego coa celebración da 12ª Subida A Pontenova, organizada pola Escudaría Pontenova, que terá lugar os días 28 e 29 de xuño de 2025. A proba será a cuarta puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Montaña – Circuíto Internacional de Montalegre, e contará coa participación de numerosos pilotos e equipos procedentes de toda a comunidade.

O trazado, situado na estrada LU-4803, entre A Pontenova e Augaxosa, presenta unhas características técnicas que prometen espectáculo: un percorrido de 4.810 metros, cun desnivel de 260 metros e unha pendente media do 5,4%, ideal para os amantes da velocidade e a pericia ao volante.

A proba será puntuable para un amplo abano de campionatos, copas e trofeos, tanto en vehículos carrozados como non carrozados, destacando categorías como o Campionato de Carrozados, as Copas de Galicia de Montaña por clases (1 a 5C), o Campionato Non Carrozados (categorías 2 e 3), así como as competicións específicas para escudarías, modalidades de regularidade e trofeos de promoción avalados pola Federación Galega de Automobilismo (FGA).

A organización agarda unha fin de semana chea de emoción e participación, nun evento que ano tras ano medra en relevancia e que supón tamén un importante dinamizador económico e turístico para A Pontenova e a súa contorna. A Escudaría Pontenova traballa xa nos últimos preparativos para garantir unha cita deportiva segura, vibrante e á altura da paixón que espertan os rallys entre a veciñanza e visitantes.

⚙ Configurar cookies
0.13578295707703