A Dirección Xeral de Emerxencias abre a revisión do Plan de Emerxencia Exterior de Alcoa en Xove

AMariñaXa
O documento avalía seis escenarios de rotura dos diques e detalla medidas de prevención, evacuación e impacto sobre a poboación e o medio
alcoa-balsa-lodos-vermellos
21 Apr 2025

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior vén de abrir ao público a revisión do Plan de Emerxencia Exterior da balsa de lodos de Alcoa, situada no concello mariñán de Xove. O documento, que non se actualizaba desde 2012, contempla seis posibles hipóteses de rotura dos diques do depósito e propón protocolos de actuación para minimizar os riscos, tanto antes como despois dun posible incidente.

A infraestrutura almacena residuos procedentes da produción de alúmina e conta con dous diques diferenciados: o principal e o de cola. A revisión considera tres escenarios de risco relacionados coa tubificación, é dicir, a erosión interna provocada por filtracións en días secos, e outros tres polo desbordamento, debido a fortes precipitacións. Dúas destas hipóteses afectan ao dique principal e catro ao dique de cola.

Nas situacións máis graves, como as roturas dos diques por calquera das dúas causas, identifícanse posibles impactos importantes sobre persoas e bens. Afectarían a estradas como a LU-P-2602 e a LU-P-2601, así como a núcleos de poboación como Lago, A Barxa, Barreiro, Portocelo ou As Casas Longas. Tamén se menciona o risco sobre instalacións industriais, vivendas unifamiliares e mesmo unha piscifactoría.

A pesar de que o risco para a saúde e a sociedade é clasificado como medio, o documento alerta dun impacto ambiental elevado. Os estudos inclúen a profundidade prevista das inundacións, o tempo estimado de anegamento a 0,3 metros e a severidade da afectación por zonas.

Entre as medidas previstas destacan o uso do sistema E-Alert para avisos á poboación a través do móbil, así como procedementos de evacuación, confinamento ou traslado de persoas.

No plano técnico, tamén se detalla que os lodos poden ser corrosivos en determinados niveis de pH, podendo provocar irritacións, queimaduras cutáneas ou danos oculares.

Ademais, Alcoa está a tramitar os permisos necesarios para ampliar o depósito ata a cota 104, o que permitiría almacenar ata 32,9 millóns de metros cúbicos, tras unha obra de 18 meses.

⚙ Configurar cookies
0.16313099861145