A Diocese de Mondoñedo-Ferrol organiza a primeira Ruta dos Santuarios o 14 de novembro

Foz
AMariñaXa
A xornada incluirá visitas guiadas, unha comida en Foz e unha eucaristía presidida polo bispo; o prazo para anotarse remata o 11 de novembro
ruta-santuarios-mariña-diocesis-2026
4 Nov 2026

A Delegación de Peregrinacións e Camiño de Santiago da Diocese de Mondoñedo-Ferrol organiza a primeira edición da Ruta dos Santuarios, unha proposta que permitirá coñecer parte do patrimonio relixioso da diocese e compartir unha xornada de convivencia. A actividade celebrarase o sábado 14 de novembro e percorrerá cinco templos de Ourol, Xove, Foz, Ribadeo e Mondoñedo.

A saída en autobús está prevista para as 9.00 horas desde a zona de Correos, en Ferrol, con paradas en As Pontes, Vilalba e Viveiro. A primeira visita será ás 10.30 horas na igrexa de Santiago de Bravos, en Ourol. O itinerario continuará ás 12.00 horas coa igrexa de San Antonio Ventureiro, en Xove, e ás 13.15 horas coa basílica de San Martiño, en Foz, onde tamén terá lugar a comida nun restaurante.

Pola tarde, a ruta chegará ás 16.00 horas á igrexa de Nosa Señora das Virtudes, en Ribadeo, e rematará ás 17.00 horas no santuario de Nosa Señora dos Remedios, en Mondoñedo. A xornada concluirá cunha eucaristía presidida polo bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos.

A iniciativa está aberta a todas as persoas interesadas, que poderán incorporarse en calquera dos santuarios ou realizar os desprazamentos nos seus propios vehículos, sen necesidade de completar todo o percorrido en autobús. Para facilitar a participación, a organización estableceu horarios aproximados de chegada a cada templo.

O itinerario permitirá achegarse a edificios de diferentes épocas e con elementos destacados do patrimonio relixioso galego. Entre eles figura a basílica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, un dos conxuntos románicos máis relevantes de Galicia e antiga sede episcopal, declarada Ben de Interese Cultural. Tamén se visitará o santuario das Virtudes, en A Ponte, na parroquia ribadense de Arante, que conserva pinturas murais tardomedievais e un retablo renacentista.

En Xove, os participantes coñecerán a igrexa de San Antonio Ventureiro da Rigueira, vinculada a unha romaría que se celebra cada 13 de xuño e que foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia en 2023. A parada inicial será na igrexa de Santiago de Bravos, en Ourol, construída entre finais do século XVI e o primeiro cuarto do XVII. O percorrido pecharase no santuario dos Remedios, ás portas de Mondoñedo, un templo barroco levantado entre 1733 e 1738.

O delegado diocesano de Peregrinacións e Camiño de Santiago, Chema Pérez, presenta a proposta como unha oportunidade para coñecer o patrimonio e compartir unha xornada de convivencia e celebración.

O prezo é de 55 euros e inclúe o transporte e a comida. As prazas son limitadas e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 11 de novembro. As persoas interesadas poden reservar chamando ou enviando unha mensaxe de WhatsApp ao teléfono 639 903 393.

0.14833307266235