A Deputación solicita 750.000 euros para formación dixital nos concellos do rural

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta de Goberno aprobou solicitar os fondos ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico co fin de desenvolver un programa de capacitación tecnolóxica destinado fundamentalmente aos maiores, mulleres, infancia, mocidade e persoas en situación de desemprego.
Pilar García Porto
3 Feb 2024

A Xunta de Goberno aprobou solicitar os fondos ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico co fin de desenvolver un programa de capacitación tecnolóxica destinado fundamentalmente aos maiores, mulleres, infancia, mocidade e persoas en situación de desemprego.

A Xunta de Goberno aprobou este venres solicitar fondos por importe de 750.000 euros ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico co fin de desenvolver un programa de formación en materia dixital nos concellos da provincia de menos de 5.000 habitantes.

Así o explicou a Voceira socialista do Executivo provincial, Pilar García Porto, quen concretou que, con esta nova iniciativa, a Deputación “pretende reforzar o apoio que xa estamos prestando aos concellos para a transformación dixital grazas aos fondos que conseguimos da Unión Europea, coa dotación de servizos e equipamentos tecnolóxicos que contribuirán a mellorar o servizos públicos que ofrecen ós seus veciños e veciñas”.

Detallou, así mesmo, que o programa que solicita agora a Deputación ao Goberno central está dirixido á formación e capacitación tecnolóxica, fundamentalmente de colectivos sociais para os que se require unha perspectiva demográfica específica, como os maiores, as mulleres, a infancia, a mocidade e as persoas en situación de desemprego.

Entre as cuestións que se van abordar en caso de obter este novo investimento, sinalou García Porto, están a elaboración dun Currículum Vitae online, o manexo de ferramentas como LinkedIn ou Infojobs, tamén o uso práctico da intelixencia artificial, a edición de fotografías, márketing dixital, o uso da banca online ou facer reservas por internet, entre moitos outros temas vencellados coas novas tecnoloxías que son útiles para o día a día.

“Queremos seguir achegando as novas tecnoloxías ao noso rural, contribuíndo a eliminar a fenda dixital, e mellorar así a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, que é un factor fundamental para loitar contra o reto demográfico e fixar poboación na nosa provincia”, asegurou a Deputada.

0.15328693389893