A Deputación segue acondicionando estradas en Barreiros
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou este xoves diferentes obras acometidas con fondos provinciais en Barreiros, un concello no que a institución leva investidos máis de 2M€ no que vai de mandato, entre o Plan Único, acordos de colaboración e acondicionamento de entradas, entre outras liñas de actuación.
En concreto, o mandatario provincial visitou a estrada que conecta San Cosme de Barreiros co Cruce da Insua, a antiga LU-P-0608, e outra vía de titularidade municipal que conecta con esta, descorre paralela á N-634 e chega á capitalidade municipal. José Tomé tamén asinou no Libro de Honra, recibiu a insignia do Concello e visitou as instalacións da casa consistorial, onde coñeceu aos traballadores e traballadoras municipais.
O presidente estivo acompañado pola deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, polo deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, pola alcaldesa de Barreiros, Ana Belén Ermida, e pola tenente de alcaldesa, Carmen Veiga, así como por outros concelleiros e concelleiras.
Por unha banda, o mandatario provincial supervisou a estrada de San Cosme ao Cruce da Insua, a antiga LU-P-0608, unha vía que é agora de titularidade municipal e que foi acondicionada recentemente grazas a unha achega da Deputación de 35.000€.
Trátase dunha estrada importante para a veciñanza porque comunica o centro de San Cosme con diferentes puntos de interese, como o cuartel da Garda Civil, a igrexa, o punto limpo ou a capela de Santo Estevo. Entre os traballos realizados, acometeuse a reapertura de cunetas, a reposición do firme con aglomerado e a sinalización no primeiro quilómetro da estrada.
Por outra banda, o Presidente coñeceu o resultado das actuacións de acondicionamento doutra estrada municipal que se fixeron con medios do Parque Móbil da Deputación, valoradas, segundo os prezos de mercado, en 150.000€. Trátase dunha vía que conecta coa antiga LU-P-0608, que descorre paralela á N-634 e baixa ata San Cosme.
MELLORAS EN TRES ESTRADAS MÁIS
Así mesmo, a Deputación ten a día de hoxe en fase de contratación obras por un importe conxunto de 125.000€ para a mellora doutras tres estradas provinciais ao seu paso por Barreiros. Trátase da LU-P-0605 e a LU-P-0606, que parten as dúas da Nacional 634 e que conectan coa Casa de Otero e con Pedregás, respectivamente. A terceira vía que mellorará a institución provincial e a LU-P-0607, que vai de Benquerencia ata a praia de Fontela, unha estrada moi empregada pola veciñanza porque conecta a Nacional 634 coa LU-P-0610, acondicionada pola propia Deputación en dúas fases que sumaron un investimento superior aos 200.000€.
COOPERACIÓN COS CONCELLOS
O Presidente enmarcou estas actuacións na “cooperación continua que mantemos co Concello de Barreiros e con todos os municipios da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos ós seus veciños”. Subliñou que a Deputación destinou un investimento de máis de 2M€ a Barreiros só no que vai de mandato, e “vamos a seguir nesta liña de colaboración”.
Ademais do Plan Único e dos diferentes proxectos destinados a mellorar a mobilidade no municipio, a Deputación de Lugo asinou nos últimos anos dous convenios de colaboración con este municipio mariñán. Un para reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) dotado con 20.000€ e que serviu para a adquisición de material ortoprotésico e novo equipamento informático e outro por importe de 25.000€ para adquirir ordenadores, programas ofimáticos e antivirus para o Concello, destinados a facilitar o labor dos traballadores e traballadoras municipais.