A Deputación replica a Ribadeo e asegura que informou ás familias da suba das tarifas da residencia

A Deputación de Lugo respondeu ás críticas do Concello de Ribadeo pola actualización das tarifas do Centro de Atención a Persoas Maiores (CAM) e asegurou que as familias si recibiron información sobre os novos prezos. O organismo provincial sostén que as novas contías estiveron expostas no taboleiro de anuncios da residencia e que, ademais, se ofreceu atención individualizada aos afectados.
A resposta chega despois de que o Concello ribadense solicitase á institución provincial que informase "claramente" ás familias sobre o incremento das cantidades que deben aboar mensualmente. A concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, manifestara a desconformidade do goberno local coa suba e asegurara que había familias que se atopaban "bastante perdidas". Noticia anterior sobre a petición do Concello de Ribadeo
Fronte a estas afirmacións, a Deputación explica que, antes de aplicar a actualización, a dirección do centro púxose en contacto coas 21 familias que se viron máis afectadas, posto que no resto dos casos as cantidades que pagan non variaron ou experimentaron modificacións pouco significativas.
Segundo a institución provincial, o 8 de xuño convocouse ás familias no propio centro para recibir explicacións de dous técnicos da Deputación. Á cita acudiron 19, que foron atendidas de maneira individual para coñecer os detalles dos novos prezos e resolver as súas dúbidas. As que non puideron acudir recibiron atención telefónica, ao igual que outras familias que solicitaron posteriormente información.
A residencia ribadense conta actualmente con 48 prazas e todas están ocupadas. Antes da modificación das tarifas eran 46 as prazas cubertas.
NINGUÉN PAGA MÁIS
A Deputación defende, ademais, que "ninguén paga máis do que pode pagar". O cálculo da tarifa ten en conta a pensión da persoa usuaria, os seus recursos líquidos —como aforros ou outros ingresos, entre eles alugueiros— e a prestación económica que poida recibir ao abeiro da Lei de Dependencia, que pode superar os 840 euros mensuais. Outros bens, como propiedades inmobiliarias ou fincas, teñen, segundo explica, unha incidencia moi reducida no cálculo.
A institución asegura tamén que ningunha persoa paga máis de 2.200 euros ao mes, salvo aqueles casos nos que se solicita unha habitación individual sen que exista unha indicación terapéutica que dea dereito a ela. Engade que a rede provincial atende mesmo persoas sen renda.
O grao de autonomía dos residentes tampouco permanece invariable. O estado de saúde avalíase antes do ingreso, novamente despois das primeiras semanas e, na medida do posible, cada seis meses, cunha revisión como mínimo anual. Esta valoración permite determinar tamén, a efectos económicos, se a persoa é considerada autónoma ou dependente.
OITO ANOS
A actualización produciuse despois de oito anos sen cambios nos prezos públicos das residencias provinciais. O importe máximo para unha persoa autónoma pasou de 1.080 a 1.750 euros mensuais, mentres que para unha persoa dependente aumentou de 1.390 a 2.200 euros.
A Deputación matiza, con todo, que estas cantidades representan os máximos e que a maioría dos residentes non chega a pagalos. Actualmente, segundo os datos facilitados, as persoas dependentes aboan unha media de 1.726,37 euros mensuais, mentres que a media das autónomas se sitúa en 1.418,85 euros.
FINANCIAMENTO
Na súa resposta, a institución provincial tamén puxo sobre a mesa o financiamento do centro de Ribadeo. Segundo os datos que facilita, a residencia foi construída pola propia Deputación, que achegou 2,328 millóns de euros, mentres que o Concello contribuíu con 364.771 euros.
A Deputación asegura, ademais, que acabou asumindo os 500.000 euros inicialmente comprometidos polo Goberno autonómico para a construción do centro e que, segundo afirma, finalmente non foron achegados.
No período comprendido entre 2019 e 2025, o organismo provincial cifra a súa participación na xestión da residencia en 1.798.440 euros, o 74,71% do total, fronte aos 608.792 euros aportados polo Concello de Ribadeo.
Respecto á participación do Goberno autonómico, a Deputación sostén que ata o momento ascendeu a 6.479,42 euros, procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia posterior á pandemia e financiado pola Unión Europea.
A institución provincial rebate así a versión trasladada polo goberno ribadense e mantén que as familias tiveron acceso tanto á información sobre a modificación das tarifas como a atención personalizada para coñecer a repercusión concreta dos novos prezos en cada usuario.