A Deputación repartirá no Día do Libro exemplares nos 67 concellos

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Carmela López destaca que “o noso obxectivo é achegar a cultura e o coñecemento da nosa provincia a todas as veciñas e veciños a través das bibliotecas e centros culturais”
presentacion-libros-deputacion
20 Apr 2026

A Deputación de Lugo celebra este 23 de abril o Día Internacional do Libro cunha acción centrada na promoción da cultura e o fomento de hábitos de lectura entre os veciños e veciñas da provincia. A institución provincial distribuirá nos próximos días aos alcaldes e alcaldesas dos 67 concellos un paquete de publicacións sobre o territorio lucense, que recollen distintos ámbitos da historia, o patrimonio e a gastronomía, co obxectivo de achegar o coñecemento da provincia dun xeito divulgativo e accesible.

A presidenta da Deputación, Carmela López, destacou que esta iniciativa “ten como obxectivo achegar a cultura e o coñecemento da nosa provincia a todas as veciñas e veciños a través das bibliotecas e dos centros culturais”. Neste sentido, subliñou que “queremos poñer en valor a importancia da lectura como ferramenta de coñecemento, de cohesión social e de acceso á cultura”.

Entre as obras incluídas atópanse La noche de las luminarias, que recolle episodios e tradicións da memoria histórica lucense; Dicionario da Comida Galega, que compila termos e produtos da riqueza gastronómica de Galicia; Pazo de Tor, que pon en valor a historia e o patrimonio dun dos espazos emblemáticos da provincia; A biblioteca na iconografía pétrea lucense, que analiza a presenza simbólica da cultura escrita na arte monumental; e Lugo, cita con dous séculos (1886-1926), que afonda na evolución histórica e social da cidade de Lugo ao longo de máis dun século.

A institución provincial distribúe un total de oito exemplares por concello que se encargarán de facelos chegar ás bibliotecas municipais, centros culturais e outras entidades locais, co fin de facilitar o acceso da cidadanía a estas publicacións.

0.12329912185669