A Deputación renova un tramo da LU-P-0610, principal acceso ás praias de Barreiros

AMariñaXa
A institución provincial inviste máis de 206.000 euros na mellora do firme e da sinalización nunha vía con intenso tráfico estival
barreiros-aglomerado-LU-P-0610-2026
3 Mar 2026

A Deputación de Lugo iniciou esta semana os traballos de mellora dun tramo da estrada LU-P-0610, unha das principais conexións co litoral do concello de Barreiros. A actuación céntrase nun percorrido de 1,272 quilómetros, desde o comezo da vía ata o punto quilométrico 1,422, co obxectivo de reforzar a seguridade e optimizar as condicións de circulación.

As obras, que executa a empresa Construcciones Isidro Otero SL, contan cun prazo estimado de tres meses e supoñen un investimento de 206.355 euros por parte da institución provincial. O proxecto contempla a reapertura e limpeza de cunetas, actuacións específicas para mellorar a drenaxe e intervencións no alumeado público. Ademais, procederase á repavimentación completa do tramo mediante aglomerado, co fin de ofrecer unha superficie máis uniforme e resistente.

Unha vez rematado o novo firme, levarase a cabo o pintado da estrada con marcas viarias reflexivas en cor branca, instalaranse cebreados nas zonas destinadas ao estacionamento e colocarase a sinalización vertical correspondente, así como diverso mobiliario urbano que completará a posta a punto do viario.

Trátase dunha intervención de especial relevancia para este municipio mariñán, dado que a LU-P-0610 soporta un elevado volume de tráfico, especialmente durante o verán. Esta vía constitúe o acceso principal ás praias e a numerosos establecementos hostaleiros da costa, polo que a súa mellora redundará nun incremento da seguridade viaria e nunha maior comodidade tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.

Esta actuación inscríbese na liña de investimentos que a Deputación vén desenvolvendo na rede provincial ao seu paso por Barreiros. Recentemente xa se acometeu a rehabilitación integral da LU-P-0611, que enlaza o Barrio Novo, na N-634, coa Praia de Coto e conecta directamente coa LU-P-0610, cun orzamento de 210.000 euros. Ademais, a Xunta de Goberno provincial aprobou unha nova intervención na LU-P-0602, que une San Cosme coa praia de Barreiros por Remior. Esta obra, licitada por case 180.000 euros, incluirá tamén reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización horizontal, reforzando así o compromiso coa mellora das comunicacións no municipio.

0.12625193595886