A Deputación renova o seu apoio ao belén ‘Viveiro ante o Berce’ cun convenio de 40.000 euros

AMariñaXa
Tomé Roca e Mariña Gueimunde formalizan o acordo que garante a continuidade dun dos principais reclamos turísticos do Nadal mariñán
viveiro-ante-o-berce-nadal-belen
14 Nov 2025

O Pazo de San Marcos foi o escenario este xoves da sinatura do convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello de Viveiro para asegurar unha nova edición do belén Viveiro ante o Berce, a montaxe a tamaño real que cada Nadal converte á vila nun foco de visitantes. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e a alcaldesa viveirense, Mariña Gueimunde González, rubricaron un acordo polo que o organismo provincial achega 40.000 euros para financiar unha iniciativa que, segundo remarcaron, “leva anos demostrando a súa capacidade para dinamizar a economía local”.

Tomé Roca incidiu en que este apoio non é circunstancial, senón parte dun compromiso sostido: a Deputación leva máis dunha década contribuíndo á organización deste belén. Subliñou que a institución provincial actúa “con feitos e non con ruído”, e que continúa colaborando cos concellos “sen distinguir cores políticas, sempre que presenten proxectos que melloran a vida da veciñanza”.

O presidente provincial defendeu que as administracións deben aportar estabilidade ao territorio e non entrar en dinámicas de confrontación. “As viveirenses e os viveirenses saben que teñen unha Deputación responsable, que seguirá respaldando un proxecto capaz de xerar emprego, atraer turismo e reforzar o orgullo dun concello cunha longa tradición cultural”, engadiu.

Pola súa banda, desde o Concello de Viveiro salientan que Viveiro ante o Berce se converteu nunha das citas máis esperadas do Nadal en toda A Mariña. As estimacións municipais calculan cada ano máis de 25.000 visitantes, o que supón un importante impulso para a hostalaría, o comercio e a proxección turística da vila. A consolidación do belén como atractivo de referencia fixo que, ademais do seu valor artístico e simbólico, se entenda xa como un elemento estratéxico para a marca turística de Viveiro.

belen-viviente-viveiro-instalacion-2022-1
⚙ Configurar cookies
0.074288845062256