A Deputación renova o plan de formación de redeiras para contribuír ao relevo xeracional
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración coa presidenta da Unión de Traballadores Autónomos do Transporte, o Mar e as Comunicacións de Galicia, María Dolores Somoza, que ascende a 39.000€ para impulsar por terceiro ano un proxecto de formación de redeiras co obxectivo de favorecer a integración da muller no mercado de traballo. En concreto, “o obxectivo é formar ás mulleres que queiran desenvolver a súa carreira profesional no sector do mar facendo o traballo de redeiras e, ademais, darlles as claves para que poidan exercer este traballo por conta propia”, explicou Tomé Roca.
“Esta é unha formación importante porque somos conscientes de que as redeiras viven nun momento crucial. Case non existe relevo xeracional e están asumindo unha gran carga de traballo para a cal non hai man de obra dabondo, polo menos de momento”, subliñou o Presidente. “Agora mesmo, as redeiras teñen que derivar encargos a outras zonas de Galicia porque non poden con medios propios responder á demanda que hai”.
Con esta formación preténdese que as alumnas cheguen a poñer en marcha a súa propia empresa para que na costa lucense se chegue a xerar un potente tecido empresarial vencellado a esta profesión.
O convenio recolle un plan de 370 horas para que as participantes adquiran toda a formación necesaria para presentarse ás probas de capacitación profesional previstas para os vindeiros meses, un requisito fundamental para exercer este traballo que dá máis posibilidades de inserción laboral. O programa formativo recolle cuestións específicas para exercer correctamente en todas as artes de pesca que se traballan na costa galega, pero tamén uns módulos con coñecemento básicos sobre o funcionamento dunha empresa.
A proposta formativa estrutúrase en cinco partes: unha focalizada nos fundamentos esenciais para a creación de empresas e catro centradas nos aspectos máis específicos que permitan o acceso ás probas de avaliación para a cualificación profesional de redeira: formación na creación de empresas-autónomos (40 horas), acción formativa de confección e mantemento de artes de enmalle (115 horas), acción formativa de confección e mantemento de aparellos de pesca (30 horas), acción formativa de confección e mantemento de artes de arrastre (130 horas), acción formativa de confección e mantemento de artes de cerco (55 horas).
“Queremos que, ademais de aprender un oficio no que escasean profesionais cualificadas, coñezan a fiscalidade, xestións administrativas, xestión do comercio, idiomas, xestións de redes sociais e doutros moitos aspectos que son necesarios hoxe en día para traballar por conta propia”, indica Tomé Roca.
Este plan vai dirixido a mulleres en situación de desemprego ou que se atopen nunha situación de precariedade laboral. A pesca é un dos grandes motores da provincia, e na comarca da Mariña este sector xera entre 5.000 e 6.000 empregos e demanda persoal case de forma continua para as Confrarías de Pescadores de Burela, Celeiro, Foz, Ribadeo, San Cibrao e O Vicedo.
ÉXITO DAS EDICIÓNS ANTERIORES
Tomé Roca salientou o éxito das dúas edicións anteriores que se celebraron no 2020 e 2019 con accións similares cando se acadou o 100% de aprobados nas probas de avaliación da competencia de cualificación profesional de redeira. “Acadouse o total da eficacia, e non só na formación realizada, senón no resultado final que se pretendía, que non era outro que incorporar ao traballo a máis persoas cun título habilitante para poder desenvolver esta profesión”.