A Deputación renova o firme da estrada que conecta as praias da costa de Barreiros

AMariñaXa
Os traballos melloraron máis dun quilómetro da LU-P-0610 e permitiron acondicionar novas prazas de aparcadoiro na contorna da praia de Altar
Barreiros-Melloras-estrada-LU-P-0610
20 May 2026

A estrada provincial LU-P-0610, unha das principais vías de acceso ás praias da costa de Barreiros, presenta xa unha imaxe renovada tras os traballos de acondicionamento impulsados pola Deputación de Lugo. A actuación permitiu mellorar un tramo de 1,272 quilómetros da vía, concretamente desde o inicio da estrada ata o punto quilométrico 1,422, cun investimento próximo aos 210.000 euros.

A presidenta da Deputación, Carmela López, visitou o resultado das obras acompañada pola alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, membros do goberno local e representantes municipais. Os traballos foron executados pola empresa Construcciones Isidro Otero SL e incluíron diferentes actuacións orientadas a reforzar tanto a seguridade viaria como a funcionalidade da contorna.

Entre as intervencións realizadas figuran a limpeza e reapertura de cunetas, melloras no sistema de drenaxe, actuacións no alumeado público e a renovación do firme mediante aglomerado en quente. Ademais, executouse nova sinalización horizontal con marcas reflexivas e instalouse sinalización vertical para reforzar a circulación nunha vía que soporta unha importante intensidade de tráfico durante a tempada estival.

A actuación permitiu tamén habilitar arredor de 80 prazas de estacionamento na zona próxima á praia de Altar, organizadas mediante cebreados e complementadas con novo mobiliario urbano para ofrecer unha contorna máis ordenada e cómoda tanto para residentes como para visitantes.

Durante a visita, Carmela López destacou a importancia desta estrada para o municipio mariñán, especialmente nos meses de verán, cando se converte nun dos principais accesos ás praias e aos negocios hostaleiros da costa. Segundo sinalou, a intervención contribúe a mellorar a mobilidade e a seguridade, ao tempo que ofrece unha imaxe máis coidada da fachada litoral de Barreiros.

A presidenta provincial lembrou ademais que esta obra forma parte dun conxunto de actuacións realizadas nos últimos anos nesta mesma vía, o que eleva o investimento total ata preto de medio millón de euros. Tamén puxo en valor outras melloras acometidas pola Deputación na rede viaria do municipio, como a rehabilitación integral da LU-P-0611, que conecta Barrio Novo coa praia de Coto, ou a modernización da LU-P-0602 entre San Cosme e a praia de Barreiros.

Desde a institución provincial subliñan que estas actuacións forman parte da aposta por reforzar a seguridade viaria e mellorar as comunicacións nos concellos rurais, contribuíndo ademais ao desenvolvemento turístico e económico da comarca.

0.11974811553955