A Deputación reforza a limpeza das estradas ampliando o investimento en 2,4 millóns de euros

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A Xunta de Goberno sacou adiante unha modificación para 18 lotes dos 24 que conforman o contrato
desbroce-recurso
9 May 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres ampliar o contrato dos desbroces ata os 2,4 millóns de euros para reforzar a limpeza das estradas. Trátase dunha modificación para 18 lotes dos 24 que conforman o contrato, o que suporá un aumento na prestación deste servizo en máis dun 75% do territorio cun investimento da institución de máis de 540.000 euros. Así o explicou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a reunión semanal celebrada esta mañá.

“Esta medida permitirá incorporar máis actuacións de roza, de retirada de maleza, vexetación, matogueiras e especies arbóreas nas bernas, gabias e taludes; mellorando así a seguridade viaria, a visibilidade nas estradas, o estado de conservación da rede provincial e a prevención de riscos contra os lumes”, explicou García Porto.

Sinalou a Deputada que a modificación responde a unha decisión da Presidenta para intensificar os traballos de limpeza e mellorar a seguridade nas marxes das estradas. Unha modificación que afecta unicamente ao aumento dos labores e o custo, pero mantén as mesmas condicións técnicas e de prestación dos contratos adxudicados.

García Porto avanzou que a idea é que os desbroces comecen nos vindeiros días, neste mes de maio, “anticipándonos ao mes de xuño”. E explicou que a previsión é que as empresas pasen dúas veces polas estradas, unha na primavera e outra no verán.

0.11517190933228