A Deputación reclama á Xunta que se implique na defensa da atención bancaria aos maiores
A Deputación reclama á Xunta que se implique na defensa dunha mellor atención bancaria para as persoas maiores. Tamén pide explicacións sobre o baixo grao de execución dos fondos Covid en Galicia, onde se deixaron de executar 220M€ -o 30% destes cartos- tan necesarios para recuperar o tecido produtivo, duplicando a porcentaxe media doutras CCAAs.O Pleno aproba por unanimidade a Declaración Institucional polo 8M na que reafirma o compromiso da institución provincial co feminismo
A Deputación de Lugo reclamará á Xunta de Galicia que se implique na defensa dunha mellor atención bancaria para as persoas maiores. Así o acordou este martes o Pleno da Corporación provincial coa aprobación dunha moción do grupo do PSdeG, que contou co apoio do BNG, mentres que o PP se abstivo.
A proposta socialista parte das reclamacións da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo sobre cuestións transversais como a necesidade de ampliar horarios de atención ao público das oficinas, garantir a atención presencial a maiores que non contan con competencia en medios dixitais, ou medidas de seguridade nos caixeiros; pero fai corresponsable á Xunta pola súa inacción. Concretamente, a institución provincial instará ao Goberno galego a mostrar o seu respaldo ás reclamacións de mellora na atención bancaria formuladas polas plataformas da terceira idade e do rural; a tomar medidas para garantir a presenza de sucursais bancarias en tódolos concellos da provincia; a primar as operacións con aquelas entidades que garantan a prestación de servizos bancarios dun xeito adecuado; a excluír da participación na xestión dos fondos de reconstrución a aquelas entidades que non cumpran estas condición; e a elaborar unha Carta de Servizos Básicos que garanta o dereito de todos os galegos e galegas a non quedar excluídos da prestación dos servizos básicos de carácter financeiro.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, argumentou que “subvencionar a instalación de caixeiros nos concellos onde non hai oficinas bancarias non é a solución”, que son moitos os maiores que non son quen de desenvolverse coa banca dixital e que a perda dos postos de traballo no sector supón xa o 27,5% desde o 2008, con máis de 5.000 empregos destruídos.
Concellos como Negueira de Muñiz, O Páramo, Ribeira de Piquín y Samos carecen xa de oficina bancaria no seu municipio e no caso de Samos, isto supón un prexuízo para os veciños, pero tamén para os moitos peregrinos que pasan pola vila, situada no camiño de Santiago.
FONDOS COVID
A institución provincial tamén pedirá explicacións ao Goberno galego por deixar sen executar o 30% -220M€- dos fondos Covid, duplicando a porcentaxe media doutras comunidades autónomas. “Feijoo non foi quen de achegar ás pemes, ós autónomos, ao comercio ou á hostalaría todos os recursos que o Estado lle transferiu para frear o impacto da covid neses sectores”, denunciou a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, que reprochou tamén que o Presidente da Xunta cargase con gastos extraordinarios ás facendas locais ou que non contratase máis persoal sanitario cando colapsaron a Atención Primaria e as Urxencias.
De acordo á proposta socialista, a Deputación reclamará que o presidente da Xunta compareza nun pleno extraordinario do Parlamento para dar explicacións sobre esta cuestión; que o goberno galego reactive o Pacto Local firmado cos concellos, avalíe ca Fegamp a pegada extra da covid nas facendas locais e determine as fórmulas para compensar ás administracións locais polo gasto extra asumido durante a pandemia; e a creación dunha Mesa de Seguimento da xestión dos Fondos de Recuperación, que conte ca representación de todas as forzas parlamentarias e na que estea representada tamén a administración local, para evitar que se manteña o baixo grao de execución actual.
8M
O Pleno celebrado este martes tamén aprobou por unanimidade a Declaración Institucional polo 8M, na que reafirma o compromiso da institución provincial co feminismo. O texto, acordado na Xunta de Voceiros e Voceiras, incide en que “a igualdade, plena e efectiva, é un obxectivo social irrenunciable e unha necesidade para consolidar a calidade dos sistemas democráticos”.
ATENCIÓN SANITARIA
O Pleno provincial aprobou unha moción do BNG para demandar a Xunta de Galiza a normalización da asistencia en atención primaria, recuperando a atención presencial para todas as persoas que o soliciten e limitando as consultas teléfonicas ou telemáticas a actividades complementarias, garantindo tamén que esa atención se faga sen demoras co aumento do número de profesionais que as atenden.
Na exposición da proposta, a vicepresidenta da Deputación de Lugo e deputada nacionalista Maite Ferreiro sinalou que “o goberno da Xunta está aproveitando a pandemia para acelerar a súa política de deterioro da sanidade pública” e referiuse á situación dos centros de saúde Xermade, Chantada, Pantón, Castro de Rei ou Lugo, onde a falta de persoal está clara.
No caso concreto de Lugo, Maite Ferreiro referiuse “á saturación do centro de saúde da Milagrosa e ao PAC de Fingoi, dous anos despois de que a Xunta decidira concentrar toda a actividade de medicina xeral e pediatría do concello”. A consecuencia é, dixo, “un persoal agotado e persoas usuarias sufrindo situacións de angustia que fan que a situación sexa insostible”.
Canda a atención presencial ao cento por cento, a moción, aprobada cos votos de nacionalista e socialistas, demanda o reforzo e a estabilización do cadro de persoal nos centros de saúde e a recuperación dos servizos suprimidos ou minguados ao inicio da pandemia.
O BNG tamén sacou adiante unha moción en demanda de avances normativos en relación cos dereitos laborais das mulleres. Ademais de sumarse á declaración institucional pola Día das Mulleres Traballadoras acordada pola corporación provincial, a formación nacionalista fixo fincapé na necesidade de implementar medidas concretas para avanzar na igualdade de dereitos.
A moción, aprobada malia os votos en contra do PpdG, insta a Xunta de Galiza a impulsar cláusulas de igualdade na contratación pública galega e a elaborar unha nova Lei de igualdade que substitúa a 7/2004 para adaptala á realidade do século XXI atendendo, de maneira específica, ao fomento da corresponsabilidade. Tamén reclama ao goberno do Estado a tramitación da ratificación do convenio 189 da OIT como paraugas legal para a dignificación e protección dos colectivos de traballadoras do fogar e o aumento dos recursos destinados á inspección laboral e a súa transferencia á Comunidade autónoma galega.
PARTIDO POPULAR
O PPdeG critica que o PSdeG perdera a oportunidade de pedir no Pleno ao Goberno central o reintegro a Galicia dos 70 millóns dos plans de rescate. José Manuel Balseiro demandou que esta devolución “se faga nunhas condicións que fagan posible que estes fondos sexan útiles”.
“De novo os socialistas galegos amosan a súa submisión ao Goberno de Pedro Sánchez, do mesmo xeito que aconteceu canto tivemos que reclamar por vía xudicial o IVE de 2017 ou cando venderon aos traballadores de Alcoa”, engadiu o portavoz popular de Emprego.
Balseiro salientou que a reforma laboral do Goberno de Mariano Rajoy “se consolidou como un dos instrumentos máis eficaces para a creación de emprego e para sacar a España da crise económica e social de 2008”.