A Deputación reafirma o seu apoio ao Burela FS, símbolo do deporte e da unidade na Mariña

AMariñaXa
Efrén Castro e Daniel García eloxian o labor da directiva e a forza da canteira no novo proxecto deportivo
Burela-FS-axuda-Deputacion-2025
30 Oct 2025

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, o deputado de Mocidade, Daniel García, e o tenente alcalde de Burela, Mario Pillado, visitaron esta semana o Burela FS, nun encontro coa directiva e coas categorías absolutas e de base do club, desde biberóns ata benxamíns. A visita serviu para trasladar o respaldo institucional da Deputación, que continúa a ser o principal apoio público dun proxecto que segue a ser referencia no fútbol sala galego e estatal.

Castro eloxiou “a imaxe de unidade e fortaleza que o club transmite neste inicio de temporada, sobrepoñéndose ás dificultades económicas e organizativas que afrontou o pasado ano tras a perda do patrocinio histórico de Pescados Rubén”. O vicepresidente lembrou que “a Deputación mantén un apoio estable e continuado a través de subvencións anuais, reforzado nos últimos meses con financiamento adicional para os equipos profesionais que participan en competicións estatais”.

Engadiu tamén que “o traballo da directiva foi exemplar, conseguindo, con eses recursos e outros apoios, comezar a temporada con tres equipos sénior e trece de base, o que garante o futuro deportivo do club e o seu papel como motor do deporte mariñán”.

Pola súa banda, o deputado de Mocidade, Daniel García, puxo en valor a reconstrución do primeiro equipo feminino, que se configurou “cunha ampla representación de xogadoras da comarca —Silvia Rubal, Cris Blanco, Lola Muñoz, Lara Díaz, Marina García, Irene Suárez e Mara Fiallega—, cinco delas en idade xuvenil”. García subliñou que “estas deportistas son un exemplo da fortaleza do fútbol sala feminino na provincia, que sempre apoiamos desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e que fai posibles proxectos tan inspiradores coma este”.

O tenente alcalde de Burela, Mario Pillado, tamén quixo felicitar ao club “por un inicio de temporada diferente, con equipos absolutos renovados, sobre todo na sección feminina”. Engadiu que “debe ser un orgullo para toda a familia laranxa, para a vila e para a comarca que, nestes momentos difíciles, sexa a xente da casa e a canteira quen tome as rendas e manteña viva a ilusión do proxecto”.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo destina este ano 175.000 euros en subvencións nominativas destinadas aos gastos de actividade do club e á promoción do fútbol sala burelés. Ademais, contribuíu cun patrocinio extraordinario de 18.000 euros para apoiar a participación do Burela FS na Copa da Raíña, consolidando así o compromiso da institución provincial coa continuidade dun club que é símbolo de identidade, esforzo e superación.

⚙ Configurar cookies
0.0696120262146