A Deputación presenta os actos para concienciar sobre a violencia machista no 25N

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Inclúe un coloquio aberto a toda a cidadanía no que a mocidade terá unha participación directa, unha escape room e actividades nos Centros de Atención a Maiores
presentacion-actos-da-muller-marisol-morandeira
11 Nov 2024

A Deputación de Lugo impulsa un programa de actividades con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller que se estenderá do 22 ao 25 de novembro. O programa arrancará o vindeiro venres coa cuarta xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais, que organiza cada ano nesta data a institución provincial co obxectivo de dar visibilidade á lacra da violencia machista e combatela entre o conxunto da sociedade da provincia.

A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, presentou este luns a programación e destacou que “aínda que estamos no 2024, por desgracia temos que seguir falando de violencia machista, xa que a realidade é que vivimos nunha sociedade na que a violencia de xénero continúa sendo unha lacra que afecta todos os días ás mulleres. A nosa responsabilidade como institución é continuar loitando para que, algún día, poidamos celebrar a súa erradicación".

Marisol Morandeira subliñou o firme compromiso da Deputación coa igualdade real entre homes e mulleres, aplicando unha política transversal nas accións do Goberno. Resaltou iniciativas como esta, que dan visibilidade á violencia de xénero, e destacou que esta problemática non desaparecerá sen a implicación de todas e todos. "É imprescindible contar co apoio e a participación activa dos homes, así como garantir que as mulleres ocupen un papel central, con voz e visibilidade", afirmou.

A Deputada destacou tamén a importancia de que todas as organizacións e partidos políticos se comprometan de maneira decidida. Neste sentido, asegurou que” a Deputación seguirá exercendo un papel decisivo, mantendo a súa presenza e apoio continuo a todas as iniciativas en favor da igualdade”.

Voces de mulleres expertas no Pazo de San Marcos

Este ano a xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais terá lugar o vindeiro 22 de novembro, de 09:00 horas a 14:30 horas, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. O evento contará con voces de mulleres expertas que abordarán a violencia machista desde a perspectiva da mocidade. “A igualdade de xénero é un obxectivo que non se acada dun día para outro; é unha tarefa que debe abordarse de xeito transversal e que debe comezar dende idades temperás”, asegurou Marisol Morandeira. Neste senso, expresou a Deputada de Muller e Igualdade a súa preocupación polo feito de que os nenos e as nenas accedan cada vez máis cedo a contidos como a pornografía a través das novas tecnoloxías, “se non se trata adecuadamente, esta realidade pode levar a que moitos adolescentes se formen unha visión distorsionada de cales son as características dunha relación respectuosa e saudable”, subliñou.

Deste xeito, formarán parte da xornada a graduada en dereito Elena de la Vara, que abordará as raíces da violencia machista e as súas diferentes manifestacións; a docente de xénero e comunicación Coral Herrera, quen tratará sobre como liberar o amor romántico da violencia e o machismo; a sexóloga Estefanía Fernández Otero, para analizar o impacto da pornografía na xuventude; a doutora en Dereito Tasia Aránguez, que profundará nos riscos da captación proxeneta a través de plataformas como OnlyFans e Instagram; e por último pechará a xornada a humorista Arantxa Treus, co monólogo, Sexo débil, o carallo!. Un acto que será conducido pola actriz e presentadora lucense Beatriz Serén.

Marisol Morandeira resaltou a calidade das poñentes e o alto nivel das intervencións que conforman a xornada. "Consideramos fundamental que a mocidade reciba unha educación que os prepare para establecer relacións baseadas no respecto e na igualdade", porque destacou a Deputada “o obxectivo é contribuír á formación dunha sociedade nas futuras xeracións teñan unha conciencia clara de que as relacións deben fundamentarse na igualdade e estar libres de violencia, que é algo polo que imos seguir traballando para facer realidade no futuro", concluíu.

Escape room e actividades nos CAMs

O programa complétase o luns 25 de novembro coa primeira Escape Room titulada Axúdame, por favor, organizada polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo. A actividade terá lugar entre as 09:15 e as 13:45 horas, e contará con 10 sesións, cada unha con 6 prazas dispoñibles. Para participar, será necesario reservar a praza a través do seguinte enlace: https://bookeo.com/axudameporfavor. A Escape Room xirará en torno á historia de Clara, unha muller atrapada nunha relación abusiva, tanto emocional como física. Durante os últimos meses, Clara intentou, en segredo, comunicarse cos seus amigos e familiares, deixando pequenas pistas case imperceptibles, con a esperanza de que alguén logre entender a súa situación e poida axudala.

Por outra banda, a programación do 25N tamén chegará aos Centros de Atención a Maiores da Deputación de Lugo. No CAM de Pedrafita de Cebreiro, desenvolverase unha actividade interxeracional co alumnado de secundaria do CPI Uxío Novoneira. A actividade consistirá en analizar os estereotipos de xénero presentes no conto de Brancaneves e reverter a súa historia, elaborando unha nova versión nunha mesa redonda con estudantes do CPI. O 25 de novembro, xunto co alumnado, terá lugar o acto de lectura do conto de Brancaneves con perspectiva de xénero no CAM de Pedrafita.

Así mesmo, no CAM de Fonsagrada tamén se realizará unha performance titulada Trapos sucios fóra, na que as mulleres do centro exporán con mensaxes os trapos sucios, para logo mostrar os trapos limpos, simbolizando así a liberación e o empoderamento feminino.

CARTEL-ACTOS-POLO-25N-2024-deputacion
0.065469026565552