A Deputación pon en marcha un proxecto ao redor do acordeón diatónico
A Deputación pon en marcha un proxecto audiovisual para difundir os contidos do Cancioneiro Galego para Acordeón Diatónico. De Botóns e poñer en valor os espazos xestionados pola institución provincial como son a Rede Museística, o Centro de Artesanía e Deseño e o propio Pazo de San Marcos como espazos culturais e abertos á cidadanía.
Ugía Pedreira, Davide Salvado, Noemí Basanta, Germán Díaz, Brais Monjardín e Vazmin Yukhnevich están a gravar vídeos musicais interpretando algunhas pezas recollidas na publicación nos emprazamentos citados, acompañados polos seus autores, e músicos, Carlos Quintá e Pedro Pascual.
O traballo de rodaxe estívose a desenvolver no Museo do Mar de San Cibrao, no xardín do Pazo de San Marcos e en San Paio de Narla. E continuará no Museo de Lugo, no Centro de Artesanía e Deseño e no Pazo de Tor.
Ugía Pedreira interpreta no Museo do Mar de San Cibrao unha composición de Dorothé Schubart mentras que e o xardín da Deputación de Lugo será o escenario no que Davide Salvado achegue unha peza de recollida popular, “Manolo mío”. A música tamén dará paso á palabra, cun Canto de Sega especial e con historia, unha herdanza da avoa de Noemí Basanta que agora ela conta e canta co Museo de San Paio de Narla como testemuña.
O Museo Provincial de Lugo empraza a música de Vazdim Yukhenevich cun canto de berce do arquivo do coro Frores e Silvereiras de Lugo. Mais non só os museos se presentan como espazos de concerto, senón que tamén aparece o Centrad, onde Germán Díaz toca ao acordeón o Pasodobre de Paulino e a Rumba de Muras. Finalmente, tamén formará parte do audiovisual Brais Monjardín desde o Pazo de Tor, cun recital que integra varias pezas recollidas en diversos puntos da provincia como Folgoso do Courel ou A Pontenova.
CANCIONEIRO GALEGO PARA ACORDEÓN DIATÓNICO. DE BOTÓNS.
O acordeón diatónico, chamado de botóns en moitas zonas de Galiza, dá nome ao libro que recolle unha selección de pezas do repertorio galego adaptadas a este instrumento. Trátase dun traballo antropolóxico que inclúe a perspectiva de xénero na redacción dos textos, con fotos (a meirande parte inéditas) de acordeonistas galegos antigos, mulleres e homes.
A publicación contén explicacións documentadas coa orixe da cada música froito da investigación de grandes coñecedores deste instrumento, nomeadamente Carlos Quintá e Pedro Pascual, xunto cunha serie de colaboradores especialistas en diferentes áreas como Benxamín Otero ou José Dopico Orjais.
O libro é, segundo explica o editor, Abel Pérez, resultado “de cinco anos de traballo, feito desde Galiza, cun carácter internacionalista para chegar a acordeonistas diatónicos e instrumentais da península, pois no cancioneiro tamén hai partituras con orixes diversos, especialmente dos territorios limítrofes como O Bierzo, o EoNavia, León ou Portugal”.