A Deputación mellorará o firme da estrada da Marosa que conecta Burela e Cervo
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou un investimento da institución provincial de 124.000 euros para acometer obras de mellora do firme e sinalización da totalidade da estrada LU-P-1510, que conecta os concellos de Cervo e Burela. A Xunta de Goberno vén de aprobar a licitación destes traballos, que afectarán ao treito que vai do inicio da vía ata o punto quilométrico 9,301. O prazo de execución será de 3 meses unha vez iniciadas as obras.
A Deputación acometerá un proxecto que contempla a reapertura de cunetas, drenaxe, limpeza, pavimentación e fresado nas zonas da vía que presenten algún tipo de fisura, un reforzo do firme na zona do polígono e a sinalización mediante marcas reflexivas brancas.
O mandatario provincial sinalou a importancia desta actuación para a veciñanza, porque a LU-P-1510 “é a vía de comunicación máis directa entre o concello de Cervo e o de Burela, dá servizo ao polígono industrial de Cuíña, e é moi empregada por turistas e visitantes nos meses de verán porque discorre paralela á costa, dá acceso a diferentes praias e por tramos conta con paseo e carril bici”.
23 MILLÓNS NA MARIÑA
A Deputación de Lugo leva investidos desde o inicio do mandato preto de 23M€ en infraestruturas viarias da Mariña a través de diferentes liñas de actuación. Dos 4.200 quilómetros da rede de estradas provinciais, a máis longa de toda España e tres veces maior ca da Xunta en Lugo, preto de 800 percorren a comarca mariñana.
A institución provincial actúa nas estradas da comarca con proxectos de mellora, a través do Plan Único, cos medios propios do Parque Móbil e tamén con cargo ao Plan Provincial de Conservación de Estradas.