A Deputación mellora a visibilidade de dúas curvas entre As Ródrigas e Marco de Álvare

TerraChaXa | AMariñaXa
A Deputación mellora a visibilidade de dúas curvas na estrada que vai dende As Rodrigas ata Marco de Álvare, á altura da Granxa, en Riotorto
estrada rodrigas alvare riotorto
8 Mar 2023

Estes traballos faranse nas vindeiras semanas na estrada provincial LU-P-5501, cun orzamento de 47.200€, á altura dos puntos quilométricos 4,9 e 5,7 co fin de mellorar a seguridade vial nestes dous tramos.

A Deputación de Lugo mellorará a visibilidade de dúas curvas na estrada provincial LU-P-5501, que une As Rodrigas con Marco de Álvare, ao seu paso polo municipio de Riotorto, á altura da Granxa, na parroquia de Ferreiravella.  Unha actuación para que a institución provincial destina 47.200€ e que comezará nas vindeiras semanas.

Esta estrada presenta unha visibilidade reducida en dous tramos de curvas, onde se atopan situados dous accesos á altura dos puntos quilométricos 4,9 e 5,7. O proxecto inclúe o movemento de terras para o desmonte nestes dous puntos, a pavimentación da calzada con zahorra artificial e o balizamento no punto quilométrico 5 coa colocación dunha bionda. O prazo de execución dos traballos é dun mes, unha vez iniciadas as obras.

A mellora desta vía é moi importante porque dá servizo aos numerosos veciños e veciñas que transitan por ela a diario, así como a explotacións gandeiras e empresas da zona. Uns traballos que se enmarcan dentro da política de mellora da mobilidade impulsada polo goberno provincial e que reverte na seguridade viaria da veciñanza, ademais de beneficiar a súa comodidade e seguridade.

A institución provincial fixo un trazado totalmente novo desta estrada no ano 2015 cun investimento de 1,5M€, cumprindo así cunha débeda histórica cos veciños e veciñas. Dende entón, acometéronse máis melloras cun orzamento de 100.000€, á altura do Mazo de Ferreiravella e da variante de Ferreiravella.

A Deputación de Lugo ten como un dos eixos prioritarios a mellora da mobilidade na provincia. Estas obras son significativas para esta comarca, xa que as actuacións redundarán directamente no obxectivo que se marca a institución de camiñar cara o equilibrio territorial, imprescindible para o futuro do rural lucense.

A Deputación con Riotorto

Nos últimos anos a Deputación destinou a este municipio máis de 1,6M€. A maioría do investimento provincial está dedicado á mellora de vías municipais e provinciais, á contratación de persoal municipal e ao servizo de axuda a domicilio, entre outras colaboracións realizadas para contribuír na mellora do día a día da veciñanza riotortense.

0.17323923110962