A Deputación licita a mellora dos dous últimos quilómetros da LU-P-3108 en Mondoñedo

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou a licitación das obras para mellorar os dous últimos quilómetros da estrada provincial LU-P-3108, no termo municipal de Mondoñedo, no tramo que une Viloalle con Figueiras. A actuación suporá un investimento próximo aos 80.000 euros e permitirá renovar un viario clave para a mobilidade diaria da veciñanza da zona.
Os traballos previstos inclúen a reapertura de cunetas para mellorar a drenaxe da vía, o saneo da explanada, a reparación dos danos existentes e a repavimentación completa do tramo, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria e alongar a vida útil da estrada.
Desde a Deputación subliñan que esta intervención responde á necesidade de manter en bo estado a rede viaria provincial, especialmente nas estradas que conectan núcleos rurais e que soportan un uso continuado. O prazo estimado de execución é de tres meses desde o inicio das obras, tempo no que se prevé devolver á vía unhas condicións óptimas de circulación.