A Deputación lanza con AELU un programa de apoio ao emprendemento do rural

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación provincial lanza con AELU un programa de apoio e asesoramento ás empresarias e emprendedoras do rural
presentacion emprego feminino deputacion aelu
25 May 2022

O Presidente explicou na presentación do proxecto 'Feminino Rural. Donas do Rural. Donas de Si' que a institución provincial financia integramente as accións a través dun convenio de colaboración coa Asociación de Empresarias de Lugo, que se encargará de desenvolver a iniciativa.

O Presidente da Deputación de Lugo, Jose Tomé Roca, presentou este martes na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos o programa Feminino Rural. Donas do Rural. Donas de Si, unha nova iniciativa que dará apoio, formación e asesoramento de maneira gratuíta a mulleres empresarias e emprendedoras do rural para que melloren o seu negocio ou poidan poñer en marcha con garantías a súa idea emprendedora.

José Tomé anunciou que a institución provincial financia este proxecto integramente cunha achega económica de 40.000€ a través dun convenio de colaboración que asinará nos vindeiros días coa Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU), a entidade que desenvolverá as distintas accións.

O mandatario provincial presentou a iniciativa xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e a presidenta de AELU, Beatriz Varela, un acto no que subliñou que se trata dunha nova medida “que impulsamos dende a Deputación de Lugo para seguir apoiando e fortalecendo o tecido produtivo da provincia, neste caso, os proxectos empresariais e emprendedores liderados por mulleres no rural”.

O Presidente detallou que é “un programa no que as participantes recibirán formación, acompañamento e asesoramento de maneira gratuíta, tanto para mellorar os negocios que están en marcha, como para favorecer o éxito e viabilidade das iniciativas emprendedoras”.

Nas súas palabras lembrou que, precisamente, na V Conferencia de Presidencias de Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares de toda España que se celebrou en Valencia recentemente e na que participou, expuxo nunha mesa de traballo sobre reto demográfico que “a creación de emprego, sobre todo xuvenil e feminino, ademais dos servizos públicos e a mobilidade, son elementos fundamentais para fixar poboación, porque está claro que, se non hai mulleres, o rural non ten futuro”. Neste sentido, dixo, a Deputación quere avanzar con este programa “para a promoción económica da provincia, con perspectiva de xénero e demográfica”.

Por comarcas

Co obxectivo de chegar ao maior número de mulleres posible e facilitar a súa participación, todas as accións do proxecto faranse de maneira deslocalizada, nas comarcas da Mariña, Lugo, A Ulloa, Terra Chá, Sarria, A Montaña e a Ribeira Sacra.

O programa Feminino Rural. Donas do Rural. Donas de si arrancará nas vindeiras semanas e prolongarase ata finais de ano. Nunha primeira fase, organizaranse almorzos de traballo conxunto nos que participarán 175 mulleres nas 7 comarcas. En cada comarca habilitaranse 25 prazas co obxectivo de “crear sinerxías entre os establecementos de cada zona, fomentando o intercambio de coñecementos e de experiencias entre empresarias e emprendedoras que beneficien ós proxectos individuais de cada unha”, detallou Tomé Roca.

Despois, haberá unha segunda fase onde participe unha selección de 5 empresarias e emprendedoras por comarca que sairán das reunións de traballo. Polo tanto, un total de 35 persoas recibirán unha formación e un asesoramento personalizados, que irán  dirixidos a mellorar o funcionamento, gañar competitividade e abrir novos mercados no caso das empresarias que teñan os negocios en marcha, e para constituír e arrancar a empresa no caso das emprendedoras participantes.

Unha institución comprometida co emprego

O Presidente da Deputación de Lugo amosouse satisfeito de impulsar dende a institución esta iniciativa, que se suma a outras que están en marcha, tanto de maneira directa como en colaboración co tecido asociativo da provincia, co obxectivo de apoiar e fortalecer o tecido produtivo e de crear emprego, sobre todo no rural. Referiuse, entre outros, ao programa de asesoramento gratuíto para 400 pemes e autónomos da provincia en materia de dixitalización ou dos programas de formación e emprego para a mocidade e  persoas desempregadas de longa duración.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16535401344299