A Deputación inviste en estradas de Barreiros, Trabada e Lourenzá

TerraChaXa | AMariñaXa
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou a adxudicación de obras de mellora en estradas provinciais por máis dun millón de euros.
18 Dec 2020

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou a adxudicación de obras de mellora en estradas provinciais por máis dun millón de euros.

As obras efectuaranse en vías que discorren polos municipios de Barreiros, Monforte, Bóveda, Riotorto, Trabada, Lourenzá, Vilalba, Xermade, e A Pastoriza. “

En Barreiros, adxudicáronse por 91.300€ os traballos de mellora da estrada provincial LU-P-0610, coñecida como a estrada da Costa. “Vanse renovar dous quilómetros, entre os puntos quilométricos 3,400 e 5,400, cun prazo de execución de 9 meses”, detallou o Presidente, e engadiu que esta estrada ten moita importancia estratéxica na Mariña porque é a que discorre paralela ás praias de Barreiros e chega ata a das Catedrais, en Ribadeo. “Melloraremos outro tramo desta vía na próxima anualidade, co compromiso de que neste mandato quede totalmente renovada esta estrada. A día de hoxe, só faltarían por renovar 4 quilómetros”, indicou José Tomé.

Tamén foi aprobada á adxudicación por máis de 152.500€ do proxecto para renovar o firme da LU-P-5506, que comunica os concellos de Trabada, A Pontenova e Lourenzá, dende o quilómetro 0 ata o 4,1. Con estas obras, a estrada de Augaxosa a Trabada queda renovada de maneira íntegra.

Desfibriladores

Por outra banda, na Xunta de Goberno deste venres tamén se licitou por un importe de 60.000€ o contrato de subministro de 49 desfibriladores semiautomáticos, no marco da campaña Lugo, Provincia Cardioprotexida.

Esta licitación é por dous anos e forma parte desta iniciativa da institución provincial coa que  “dotaremos de desfibriladores aos 49 concellos que decidiron sumarse á campaña, e que leva aparellada a formación necesaria a persoal municipal para o manexo dos aparatos desfibriladores”, detallou o Presidente.

Deste xeito, a Deputación contribuirá a mellorar a protección dos veciños e veciñas da provincia ante posibles fallos cardíacos cunha medida que vai na liña do que recomendan as organizacións de profesionais sanitarios. Tomé Roca indicou que “é moi importante contar con equipos desfibriladores nas instalacións e espazos públicos para reducir ao mínimo posible o tempo de reposta ante unha parada respiratoria. Estamos falando da diferencia entre a vida ou graves secuelas, ou mesmo a morte”.

Local social en Foz e belén xigante de Viveiro

Este venres tamén se lle deu o visto bo a un convenio bianual de 43.000€ para a construción dun local social para asociación de veciños Río de Ouro, da parroquia de San Acisclo, no concello de Foz. Esta nova infraestrutura, que vai estar adosada ao actual edificio da Escola de San Acisclo, aumentará a superficie útil da antiga escola e proporcionará unha maior funcionalidade ó edificio, aumentando o seu aforo, moi limitado neste momento, e permitindo realizar unha serie de actividades que actualmente non se poden facer por falta de espazo, como obras de teatro, pequenos concertos, sesións de cine ou faladoiros, entre outras.

A Xunta de Goberno tamén aprobou unha achega de 70.000€ en dúas anualidades para o Concello de Viveiro co fin de sufragar os gastos de instalación do Belén Xigante. Tomé Roca subliñou que “este Belén é un elemento que supón un verdadeiro revulsivo económico durante as festas de Nadal para o comercio e a hostalería da comarca, que tanto están a sufrir as consecuencias derivadas da pandemia do coronavirus”.

0.19033098220825