A Deputación inviste 244.000 euros en estradas da Mariña

TerraChaXa | AMariñaXa
A Deputación inviste 244.000 euros en estradas da Mariña, polos concellos de Barreiros, Trabada, Riotorto en Lourenzá
29 Dec 2020

A Deputación de Lugo investirá preto de 244.000€ na mellora de dúas estradas que discorren pola comarca da Mariña, en concreto polos concellos de Barreiros, Trabada, Riotorto en Lourenzá.

A institución provincial vén de adxudicar por 91.300€ as obras para a mellora de dous quilómetros da estrada provincial LU-P-0610, paralela á costa de Barreiros. O Presidente da Deputación e responsable directo de Xestión Territorial, José Tomé, xa avanzou que o vindeiro ano arranxarase outro tramo, “co compromiso de que neste mandato quede totalmente renovada esta estrada tan estratéxica para a comarca da Mariña. A día de hoxe, só faltarían por renovar 4 quilómetros”, indicou José Tomé.

Por outra banda, a Deputación tamén aprobou a adxudicación por máis de 152.500€ do proxecto para renovar o firme da LU-P-5506, que comunica os concellos de Trabada, A Pontenova e Lourenzá, dende o quilómetro 0 ata o 4,1. Con estas obras, a estrada de Augaxosa a Trabada queda renovada de maneira íntegra. Con esta actuación, a Deputación mellora a seguridade viaria e a comodidade desta importante vía de comunicación, a que principalmente utilizan os veciños e veciñas de Trabada para desprazarse á capital da provincia.

O Presidente subliñou que unha liña de actuación prioritaria da Deputación é a mellora da rede viaria, tal e como o Goberno provincial demostra nos Orzamentos do ano 2021, nos que aumentan os fondos para este fin nun 14%, ata chegar aos 16M€. “Cremos que a mobilidade é un dereito máis da cidadanía, e manter en bo estado as comunicacións por estrada é imprescindible para garantir a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial, e, polo tanto, para fixar poboación no rural”.

0.17375588417053