A Deputación investirá preto de 330.000 euros na mellora de dúas estradas provinciais do Vicedo

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a adxudicación das obras de acondicionamento de dous treitos de estradas provinciais no municipio do Vicedo, por un importe próximo aos 330.000 euros. A empresa Carferlo SL será a encargada de executar os traballos, que contarán cun prazo de execución de tres meses desde o seu inicio.
As actuacións levaranse a cabo nas vías LU-P-6401, que une Suegos con Folcoeira, no límite provincial, e LU-P-6402, que conecta O Vicedo co Cristo de Portapena. Ademais, o proxecto contempla a mellora dun ramal de algo máis dun quilómetro e medio que serve de unión entre ambas estradas á altura de Negradas.
O acondicionamento inclúe tarefas de reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e renovación da sinalización horizontal e vertical, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e as condicións de tránsito.
Desde a Deputación destacan que estas intervencións forman parte do plan de conservación e mellora da rede viaria provincial, unha das máis amplas de Galicia, e que permiten “reforzar a conexión entre as parroquias e facilitar os desprazamentos diarios da veciñanza”.