A Deputación inicia no Vicedo a mellora de dúas estradas clave para a mobilidade municipal

AMariñaXa
As actuacións, cun investimento próximo aos 330.000 euros, afectan ás vías LU-P-6401 e LU-P-6402 e ao ramal que as conecta
Traballos-na-LU-P-6401-Vicedo
20 Jan 2026

A Deputación de Lugo vén de poñer en marcha no Vicedo as obras de mellora de dúas estradas provinciais consideradas esenciais para as comunicacións internas do municipio. Trátase da LU-P-6401, que conecta as parroquias de Suegos e Falcoeira, e da LU-P-6402, que discorre desde a capital municipal ata Cristo de Portapena pasando pola Cruz da Pardiñeira.

Os traballos, que xa deron comezo coa limpeza e reapertura de cunetas, inclúen tamén a renovación integral do ramal que enlaza ambas as dúas vías, situado no norte do termo municipal. A actuación global conta cun orzamento de preto de 330.000 euros e está a ser executada pola empresa Carfelo SL.

En concreto, as obras permitirán a rehabilitación dos tres primeiros quilómetros da LU-P-6401, entre os puntos quilométricos 0,6 e 3,2, un treito estratéxico ao enlazar coa estrada autonómica LU-862. Do mesmo xeito, actuarase no tramo final da LU-P-6402, desde o quilómetro 17,1 ata o 19,3, á altura da parroquia de Negradas, onde esta vía conecta coa LU-P-6401 a través dun ramal de 1,164 quilómetros, que será mellorado na súa totalidade.

As actuacións previstas inclúen, ademais da limpeza de cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente e a correspondente sinalización viaria, co obxectivo de reforzar a seguridade e a comodidade da circulación. O prazo de execución das obras está fixado en tres meses.

⚙ Configurar cookies
0.081907987594604