A Deputación impulsa melloras na LU-P-6405 para reforzar a mobilidade no Vicedo

AMariñaXa
A Xunta de Goberno licita obras por case 140.000 euros nunha vía que conduce ao Alto de Moreiras, enclave turístico da Mariña
Pilar-García-Porto
21 Feb 2026

A Xunta de Goberno provincial deu luz verde esta semana a novos investimentos destinados a mellorar a rede viaria da provincia, con actuacións específicas no municipio do O Vicedo. As intervencións centraranse na estrada LU-P-6405, que conecta o núcleo mariñán con Vilasuso e ascende ata o Alto de Moreiras.

Tras a reunión semanal, a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, subliñou que estas actuacións forman parte do compromiso do Executivo coa seguridade e a conservación dos máis de 4.200 quilómetros que integran a rede viaria provincial, así como coa cooperación cos concellos, especialmente os de menor tamaño e situados en contornas rurais.

No caso do Vicedo, as obras xa saíron a licitación e afectarán a dous treitos diferenciados da LU-P-6405. O primeiro abrangue algo máis de 700 metros, entre os puntos quilométricos 1,400 e 2,155. O segundo supera o quilómetro de lonxitude, desde o 3,493 ata o 4,693.

Os traballos previstos inclúen a reapertura e limpeza de cunetas, a renovación do firme mediante aglomerado en quente e a correspondente sinalización horizontal, actuacións orientadas a mellorar tanto a seguridade como a comodidade da circulación.

García Porto incidiu tamén na relevancia estratéxica desta vía, xa que conduce ao Alto de Moreiras, un espazo de interese turístico que conta cunha área recreativa e cun miradoiro privilexiado sobre a ría do Barqueiro e a coñecida Illa Coelleira. O orzamento de licitación das obras achégase aos 140.000 euros.

0.08375096321106