A Deputación impulasará 52 proxectos das Reservas da Biosfera a través das axudas

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a listaxe provisional das entidades sen ánimo de lucro que resultaron beneficiarias da primeira liña de axudas de concorrencia competitiva que convoca a institución provincial para desenvolver proxectos medioambientais nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. En concreto, son 190.000€ para desenvolver 52 actividades que porán en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios. Así o anunciou na rolda de prensa a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto.
García Porto recordou que “as entidades e colectivos sen ánimo de lucro recibirán entre 1.000 e 7.000 euros para desenvolver os seus proxectos” e avanzou que nesta convocatoria concedéronse un total de 34 subvencións en Terras do Miño e 18 nos Ancares Lucenses. “Entre as iniciativas apoiadas hai concertos na natureza, obradoiros de baile tradicional, rutas guiadas ou obradoiros de cantería, entre outras propostas que contribúen a dinamizar estes espazos e a divulgar os seus valores”, avanzou.
Así mesmo, puxo en valor que se trata dunha liña de axudas que cada ano “esperta un maior interese. Iso reflíctese no incremento do número de proxectos subvencionados, xa que pasamos de 31 a 34 en Terras do Miño e de 16 a 18 nos Ancares Lucenses”. Ademais, enmarcou estas axudas no compromiso da Deputación coa “conservación, dinamización social e co desenvolvemento sostible das nosas Reservas da Biosfera”.
Por último, sinalou que “nas vindeiras semanas daremos conta da resolución da segunda liña de axudas, destinada a investimentos, unha convocatoria que puxemos en marcha o pasado ano para seguir reforzando o apoio aos axentes que traballan nestes territorios”.