A Deputación fixo pública unha declaración institucional de apoio ao colectivo LGTBI

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O texto denuncia a persistencia da discriminación e a violencia e chama a reforzar as políticas públicas de igualdade, protección, educación e convivencia inclusiva
xunta-de-voceiros-deputacion-provincial
25 Jun 2026

A Xunta de Voceiros da Deputación sacou adiante este xoves unha Declaración Institucional reafirmando o seu compromiso cos dereitos do colectivo LGTBI con motivo do Día Internacional do Orgullo que se conmemora cada 28 de xuño. Un texto que denuncia a persistencia da discriminación e a violencia e chama a reforzar as políticas públicas de igualdade, protección, educación e convivencia inclusiva.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

O 28 de xuño conmemórase o Día Internacional do Orgullo LGTBI, unha data de alcance mundial que celebra a diversidade e lembra a importancia de garantir os dereitos e liberdades de todas as persoas, con independencia da súa orientación sexual. Esta data consolidouse como unha oportunidade para reflexionar, recoñecer os avances logrados e seguir construíndo unha sociedade onde a dignidade, a liberdade e a igualdade plena sexa unha realidade para todos.

Neste 2026, desde a Deputación Provincial de Lugo, queremos reiterar o noso firme compromiso cos valores democráticos de igualdade, respecto, liberdade e dignidade. Reivindicamos o papel dos gobernos locais na promoción de contornas seguras, inclusivos e respectuosos, nos que a diversidade sexa comprendida como un valor compartido que enriquece a vida en comunidade.

É fundamental reforzar o papel das organizacións da sociedade civil, incluíndo ás entidades LGTBI como axentes de transformación social garantindo a súa participación activa na elaboración e avaliación das políticas públicas. Así mesmo, consideramos esencial que as institucións actúen con determinación fronte aos discursos que promovan a intolerancia, establecendo mecanismos eficaces para previr e abordar posibles situacións de discriminación.

O noso país logrou avances para o conxunto de moitas persoas, organizacións e institucións, pero tamén recoñecemos que aínda persisten situacións de desigualdade, violencia e rexeitamento que deben ser erradicadas con decisión e responsabilidade institucional, abordando -de forma integral- a realidade específica das persoas LGTBI, que ademais son racializadas, migrantes, con diversidade funcional ou en situación de pobreza dado que elas experimentan formas específicas e agravadas de discriminación. Neste sentido, é importante promover políticas que atendan estas circunstancias particulares con medidas de protección efectivas e proporcionais, sempre desde unha perspectiva centrada nos dereitos humanos e na cohesión social.

Segundo datos recentes, aproximadamente a metade das vítimas LGTBI de agresións físicas, sexuais ou verbais rexistradas non denuncian estes incidentes debidos principalmente ao medo ou á falta de confianza nos procedementos institucionais. Desde as entidades locais reiteramos o noso compromiso para xerar contornas de confianza, previr estas violencias e mellorar a resposta institucional fronte a calquera manifestación de odio ou discriminación.

Tampouco podemos obviar que, no contexto internacional, asistimos con preocupación a retrocesos en materia de dereitos humanos que afectan directamente ao colectivo LGTBI. Os discursos de odio, a reversión de avances legais e a persecución institucional nalgúns países poñen en risco principios fundamentais que deben ser preservados pola comunidade internacional.

Por todo iso, desde a Deputación Provincial de Lugo expresamos o noso apoio ás políticas públicas que promovan a igualdade de oportunidades e o respecto mutuo e subliñamos a importancia da educación, crear protocolos de atención ás vítimas, e apostar pola sensibilización e o diálogo como ferramentas fundamentais para fortalecer a cohesión social e a tolerancia.

Convidamos a todos os gobernos locais a sumarse a esta declaración e a continuar desenvolvendo iniciativas que reforcen a inclusión e o recoñecemento de todas as persoas, con especial atención a quen se atopa en maior situación de vulnerabilidade. Porque a dignidade e a igualdade non deben ser un slogan, senón principios reais, sostidos desde o traballo conxunto, a responsabilidade democrática e o respecto á liberdade de todas as persoas.

0.096308946609497