A Deputación financiará con 143.000 euros a renovación da cuberta do pavillón municipal de Alfoz

AMariñaXa
A actuación, considerada prioritaria polo Concello, permitirá eliminar as filtracións e mellorar as condicións dun espazo clave para a actividade deportiva, cultural e educativa do municipio
Efigenia-Maseda-Daniel-Castro-Alfoz-2025
7 Nov 2025

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo vén de aprobar o convenio que permitirá acometer a renovación integral da cuberta do pavillón municipal de Alfoz. O acordo, ratificado este venres pola Xunta de Goberno provincial, supón un investimento de 143.000 euros e servirá para dar resposta a unha das principais necesidades trasladadas polo Concello.

A intervención contempla a substitución completa da actual cuberta de chapa de aceiro por unha nova envolvente de panel sándwich, máis eficiente e duradeira, así como a instalación de canlóns e baixantes para garantir unha correcta evacuación da auga da choiva.

O deputado provincial Daniel García explicou que “coa aprobación deste convenio, a Deputación achega fondos para unha actuación prioritaria, xa que o pavillón é o corazón da vida deportiva, cultural e educativa de Alfoz”.

As instalacións acollen as clases de educación física do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro, ademais das escolas deportivas municipais, actividades para adultos e accións organizadas por asociacións veciñais e culturais.

O Concello de Alfoz será o responsable de licitar os traballos, que deberán executarse nun prazo máximo de catro meses desde a sinatura do contrato coa empresa adxudicataria.

⚙ Configurar cookies
0.070873975753784