A Deputación financiará a alfombra floral das patronais da Asociación Burelafloral

AMariñaXa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración co presidente da Asociación Cultural Burelafloral, Martín Soto Lestao, para financiar os gastos derivados da organización e confección da alfombra floral, un dos grandes atractivos das festas patronais de Burela, que se celebran a primeira fin de semana de xuño na honra á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros.
17 Xan 2023

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración co presidente da Asociación Cultural Burelafloral, Martín Soto Lestao, para financiar os gastos derivados da organización e confección da alfombra floral, un dos grandes atractivos das festas patronais de Burela, que se celebran a primeira fin de semana de xuño na honra á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros.

José Tomé Roca agradeceu ao presidente do colectivo o traballo por manter viva esta tradición lonxeva “que converte un dos actos máis fervorosos e populares destes festexos nun gran atractivo para a Mariña, recibindo estes días a centos de visitantes e fieis que queren ver a procesión da Virxe sobre este xigante manto floral”. Desta forma, colaborando con este tipo de iniciativas, dende a institución provincial “estamos promovendo a imaxe turística da provincia cara ao exterior, e contribuíndo a xerar riqueza a través da nosa cultura e das nosas tradicións”, explicou.

A Deputación, xunto ao Concello de Burela, aporta con este acordo a contía económica necesaria que permitiu á entidade estender uns 500 metros de tapiz floral, desde as inmediacións da igrexa parroquial ata o porto da localidade mariñá, contribuíndo así a enxalzar o paso da Virxe. Nesta última edición do 2022, de título Polas festas que nos perdimos, o deseño da tapiz estivo inspirado nas festas máis relevantes da comarca e de toda a provincia con motivos en referencia a citas, entre outras, como a Festa do Bonito, a Maruxaina, As San Lucas de Mondoñedo ou O San Froilán.

Implicación de toda unha vila

A elaboración da alfombra floral de Burela é un dos atractivos do día grande das festas patronais, pero o traballo comeza catro meses antes coa preparación dos materiais para a súa confección, sobre todo o da flor. 

Ao redor deste proceso implícase toda a vila. Burelenses de todas as idades, desde os máis pequenos aos máis maiores, comparten este sentimento, que comeza co traballo da selección e picado da flor nos baixos das súas casas. Nestas semanas previas, tamén se preparan os tintes  para dar as distintas tonalidades cos que completar os debullos, sobre todo en serraduras e sal. Outros materiais empregados son o caolín e o café, que aportan as cafeterías da zona para o seu cribado e secado ao sol. Un acto de devoción, culto e convivencia que remata o día da procesión coa confección da alfombra que tingue de cor as rúas da localidade, atraendo a centos de persoas que queren presenciar a pé de manto o espectáculo.

0.19186902046204