A Deputación felicitou ao CP Altruán de Ribadeo por unha traxectoria ascendente
O deputado de Mocidade, Daniel García, recibiu ao CP Altruán de Ribadeo na Deputación de Lugo. No encontro participaron palistas, membros da directiva e familias, nun acto onde se destacou o labor da entidade, especialmente nas categorías de base. O club ofrece ás mozas e mozos de Ribadeo e da súa contorna unha alternativa de lecer saudable e unha oportunidade para formarse e crecer no ámbito deportivo.
Daniel García felicitou ao club pola súa "traxectoria ascendente, con deportistas que destacan nos podios de campionatos galegos e estatais", e resaltou "o esforzo que representa para o club e as familias manter a actividade competitiva nunha disciplina con retos específicos, como o custo do equipamento e os desprazamentos".
Neste contexto, explicou que "desde a área de Mocidade tratamos de apoiar ese esforzo colectivo ao longo dos últimos anos", complementando a forte aposta polo piragüismo da institución provincial mediante recursos económicos, formación e investimentos.
A área de Mocidade colaborou recentemente co CP Altruán na adquisición de equipamento e dunha furgoneta. Ademais, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo financiou a reforma integral do hangar de piragüismo de Ribadeo.