A Deputación fará melloras na estrada provincial que une San Adriano con Augaxosa en Lourenzá

AMariñaXa
O Presidente anuncia en Lourenzá melloras na estrada provincial que une San Adriano con Augaxosa cun investimento de 185.000€
2023 O Presidente e a Alcaldesa en San Adriano
22 Mar 2023

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou en Lourenzá que a institución provincial vai arranxar a estrada provincial LU-P-2801 na parroquia de San Adriano cun investimento de 185.000€. O mandatario provincial explicoulle á alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, a concelleiros e concelleiras e á veciñanza coa que se reuniu nesta parroquia, que o proxecto está en fase de licitación, é dicir, as empresas están presentando as súas propostas para executar os traballos.

Esta estrada provincial é a que comunica San Adriano, en Lourenzá, con Augaxosa, en Riotorto. Tomé Roca detallou que con este proxecto se dá resposta a unha petición feita pola Alcaldesa, trasladándolle á Deputación a necesidade de acometer estes traballos nesta vía provincial que dá servizo a centos de veciños e veciñas, tanto das parroquias de Lourenzá como de Riotorto.

Os traballos van consistir na limpeza dos laterais da estrada e vanse facer as actuacións necesarias para ter un bo sistema de drenaxe co fin de garantir unha boa evacuación de augas cando chova. Unha vez rematadas estas tarefas, procederase a aglomerar en quente co obxectivo de dotar dun novo pavimento a estrada. Logo, poranse as arquetas e sumidoiros e remataranse os traballos coa sinalización horizontal, pintando con marcas reflexivas brancas.  O prazo de execución das obras é de 2 meses, unha vez iniciadas.

Máis de 2M€ en Lourenzá

A Deputación de Lugo investiu en Lourenzá máis de 2M€ nos últimos catro anos, unha colaboración económica co Concello que permitiu moi diversas actuacións en beneficio da veciñanza, como a mellora das infraestruturas, de estradas e tamén na creación de emprego, o mantemento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e actividades deportivas. Ademais, a institución provincial colabora co Concello para a organización do programa de actos das Letras Galegas, que este ano homenaxea ao laurentino Francisco Fernández del Riego.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18189597129822