A Deputación fai unha achega a Ourol para editar o libro 'A imaxinería nos cemiterios de Ourol: dous canteiros'

AMariñaXa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Ourol, José Luis Pajón Camba, asinaron un convenio de colaboración para a edición do libro A imaxinería nos cemiterios de Ourol: dous canteiros, que ten por obxectivo dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio indiano para impulsar o turismo cultural no concello e no conxunto da Mariña.
2024 Convenio Ourol
15 Mar 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Ourol, José Luis Pajón Camba, asinaron un convenio de colaboración para a edición do libro A imaxinería nos cemiterios de Ourol: dous canteiros, que ten por obxectivo dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio indiano para impulsar o turismo cultural no concello e no conxunto da Mariña.

A institución provincial achega 4.000 euros para a edición desta publicación, obra de Anxo Vázquez Pernas, e que recupera a historia e o traballo de dous grandes canteiros na zona da Mariña Occidental: Xaquín de Gato e Francisco Veiga, máis coñecido como Pena de Miñotos. 

O libro consta de 25 capítulos, que percorren a época de maior auxe destes dous artistas, desde a elaboración de cruceiros na que destaca a influencia dos Carboeira ata a explosión iconográfica dos cemiterios de Ourol, Merille e Xerdiz, considerado este último o cemiterio indiano máis importante da Mariña. Nas súas páxinas tamén se reflicte o desenvolvemento da economía, as relacións sociais e a relixiosidade de mediados do século XIX e principios do XX do municipio.

José Tomé Roca destacou o valor desta obra polo seu interese histórico, etnográfico e de promoción, pois “servirá para seguir promovendo o turismo cultural na Mariña    aproveitando a súa profunda pegada e tradición indiana”. O Presidente explicou que este novo volume súmase á colección de libros para recuperar a historia local de Ourol, coa que “estamos favorecendo o impulso dun itinerario polos tres cemiterios que completaría a Ruta indiana, xa consolidada polo Concello, para coñecer o relevante legado cultural que os que tiveron que emigrar a América deixaron neste territorio”.

Colección de obras sobre a historia local

A imaxinería nos cemiterios de Ourol: dous canteiros formará parte da colección composta por catro publicacións: Ourol. A nosa historia; Anacos da nosa historia; Cruceiros, cristos, cruces e monumentos do Concello de Ourol; e José María e Manuel Riguera Montero: dous irmáns emigrantes das montañas de Ourol e Muras.

O alcalde de Ourol agradeceu pola súa parte a colaboración da Deputación porque permite ao Concello sacar á luz unha nova edición que “aporta datos relevantes para coñecer e comprender o pasado e o presente do noso municipio, ao mesmo tempo que axuda a construír o noso futuro”. Nestes momentos, o concello de Ourol, subliñou o rexedor, “non ten un gran fondo local, polo que a colección destes libros é unha maneira de incrementar o número de estudos sobre a nosa localidade coa finalidade de divulgar este coñecemento entre os nosos veciños e veciñas, e transmitir a nosa historia ás novas xeracións”.

0.20141696929932