A Deputación edita o catálogo da exposición "Modelando vidas", do escultor Juan Puchades

TerraChaXa | AMariñaXa
28 Xan 2019

A deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentou o catálogo da exposición do escultor valenciano-mindoniense Juan Puchades Modelando vidas, que se inaugurou no mes de novembro. Puchades é un dos grandes escultores do noso tempo. Un nome para a memoria artística da nosa provincia, e tamén mestre de artistas. No acto estivo acompañada polo propio artista, Juan Puchades, a coordinadora desta publicación e Directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro, e o escritor e cronista Oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa.
García Porto remarcou que “este catálogo é testemuño do afecto e o recoñecemento da obra que nos lega co seu quefacer diario, desde os seus inicios, ata as obras máis recentes, deste artista singular e único. Por iso, desde o Goberno Provincial queremos agradecer a Puchades que decidise compartir con nós, a súa vida e que aínda conserve ánimos para seguir creando e compartindo a súa arte con todos os lucenses”.
A deputada lembrou que “o propio Museo Provincial expón desde hai máis de corenta anos Mariñeiros na brega, unha das obras emblemáticas creadas por Puchades, que lle valeu o primeiro premio no concurso Bimilenario de Lugo convocado en 1975. Esta colección antolóxica está composta por medio cento de obras, que representan unha excelente síntese das súas preocupacións estéticas ao longo de case sete décadas de dedicación plena e lúcida a modelar vidas”.
Esta mostra, que recolle esta nova edición da Deputación, está composta por 47 obras, 4 maquetas, ademais de 14 debuxos e bosquexos, que amosan un percorrido antolóxico pola obra deste singular autor valenciano, afincado en Mondoñedo. Ademais o Goberno da Deputación xa colaborou na edición doutro catálogo-homenaxe de varios artistas e discípulos deste mestre de artistas, que foi presentado no mes marzo.
Esta iniciativa forma parte do colectivo Tá en Artes, que reivindicou ao longo deste ano a obra de Juan Puchades con diversos actos. Este colectivo promoveu esta merecida homenaxe que se veu desenvolvendo con iniciativas por diferentes puntos da provincia durante este ano 2018. Agora, con esta exposición retrospectiva así como a presentación do catálogo, remata esta homenaxe.
Juan Bautista Puchades Quilis, escultor e docente, naceu en Valencia o 16 de marzo de 1934. Estudou Belas Artes na Escola Superior de San Carlos da súa cidade natal -onde se especializou en escultura- e, dende 1970, é catedrático de Debuxo no ensino medio. En 1960, tras aprobar as oposicións, trasladouse a Mondoñedo para exercer como profesor no Instituto San Rosendo. Hai que sinalar, con respecto á súa actividade artística, que traballa a madeira, o bronce, a pedra e o ferro. Ademais, ten unha obra na exposición permanente do Museo Provincial de Lugo e en distintas coleccións públicas e privadas de España, Suíza, Portugal, Francia ou Arxentina.
Obtivo diferentes galardóns ao longo da sua traxectoria: 1º Premio Mestre Mateo (Santiago de Compostela,1971), 1º Premio do Concurso-Exposición de Arte (Concello de Segorbe, Castellón, 1974), 1º Premio no Concurso-Exposición Bimilenario de Lugo (1976), e o 1º Premio na III Bienal de Escultura de Sarria (Lugo, 1977). Pertenceu a distintos colectivos como Los Urogallos, Escultores Gallegos, grupo artístico e cultural O Feitizo, do que foi un dos seus fundadores, e ao grupo de Artistas Plásticos Lucenses.

0.22619605064392