A Deputación e o Concello de Barreiros facilitan a conciliación dunhas 200 familias

AMariñaXa
Uns 50 nenos e nenas que están a participar nunha das quendas do Programa +Concilia, a iniciativa que pon en marcha a institución local
Visita-campamento-Barreiros
Visita-campamento-Barreiros
10 Xul 2024

A deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, mantivo un encontro no Concello de Barreiros cos 50 nenos e nenas que están a participar nunha das quendas do Programa +Concilia, a iniciativa que pon en marcha a institución local e que conta cunha achega económica por parte da Deputación de 17.000 euros. Este programa, ao que o Concello de Barreiros dedica preto de 4.000 euros, divídese nun total de 6 quendas que comezaron o pasado 24 de xuño e que rematarán o vindeiro 6 de setembro.

En total participan nesta programación case 300 nenos e nenas de Barreiros de entre 4 e 12 anos. Neste encontro, ao que tamén asistiron a Alcaldesa do Concello de Barreiros, Ana Belén Ermida Igrexa, a Concelleira de Servizos Sociais e 2ª tenente de Alcaldesa, Mª del Carmen Veiga Rodríguez, e a Concelleira de Igualdade, Educación e Saúde, Mª Montserrat Porteiro Sánchez, Carmela López fixo especial fincapé na importancia de apoiar este tipo de proxectos “cos que favorecemos a conciliación laboral dunhas 200 familias do municipio ata que comece novamente o curso escolar no mes de setembro”.

Nesta liña, a deputada provincial subliñou a gran acollida que tivo esta programación entre a veciñanza de Barreiros “posto que, nalgunha das quendas as prazas esgotáronse rapidamente, o que demostra a necesidade de desenvolver este tipo de iniciativas que combinan actividades educativas e de lecer, ao tempo que fomentan o desenvolvemento integral dos cativos e cativas participantes durante as vacacións de verán”.

O programa +Concilia inclúe unha ampla e completa programación de actividades coas que os nenos e nenas traballan na súa autonomía, no respecto aos demais, na autoconfianza e na igualdade de todas as persoas sen importar o seu xénero. Ademais, tamén realizan prácticas deportivas, como xogos ou skate, así como manualidades, musicoterapia ou maxia.

0.16788601875305