A Deputación e a Mancomunidade colaborarán na promoción da artesanía da comarca
O vicepresidente da Deputación e deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro e o deputado de Medio Rural, Mar e Mocidade Daniel García mantiveron un encontro de traballo coa presidenta da Mancomunidade da Mariña Rocío López e persoal técnico da entidade no que se abordaron as posibilidades de colaboración do Centro de Artesanía e Deseño nas actividades que a entidade comarcal ten previsto desenvolver nos dous vindeiros anos en relación coa artesanía.
Os responsables provinciais puxeron a disposición da Mancomunidade a experiencia e os recursos do Centro de Artesanía e Deseño para desenvolver as accións previstas pola entidade para dar un novo impulso ás Rutas de Artesanía da Mariña Lucense que veñen desenvolvendo desde 2011 e reforzar o papel da artesanía dentro da oferta de turismo cultural da comarca.
A creación dunha Feira de Artesanía da Mariña, a creación de espazos de exposición e venda de produtos artesanais nas oficinas de turismo dos concellos da comarca ou a organización de espazos efémeros de demostración e venda en lugares estratéxicos para captar público consumidor e posibles visitantes son algunhas das accións previstas dentro da folla de ruta que as responsables da Mancomunidade compartiron durante o encontro, no que se sentaron as bases de futuras colaboracións.