A Deputación destina novos investimentos para mellorar estradas e infraestruturas na Mariña

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu luz verde a unha nova batería de investimentos destinados á mellora da rede viaria provincial e ao apoio de infraestruturas municipais e actividades culturais na comarca da Mariña. As actuacións aprobadas supoñen unha importante achega económica para concellos como Ribadeo, Foz, Ourol, Lourenzá e Burela.
A Voceira Socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, explicou tras a reunión semanal que estes proxectos permitirán continuar avanzando na modernización das estradas provinciais e na mellora da seguridade e da mobilidade en distintos municipios mariñaos.
Entre as actuacións aprobadas figura a licitación de dous proxectos cun investimento global de arredor de 500.000 euros para acondicionar oito vías provinciais nos concellos de Ribadeo e Foz.
No caso de Ribadeo, a Deputación actuará na estrada LU-P-5204, que comunica Cedofeita con Regocorto por Arante. O orzamento ascende a 216.000 euros e os traballos desenvolveranse nun tramo superior aos tres quilómetros, entre os puntos quilométricos 3,600 e 6,770. As obras incluirán a reapertura de cunetas, labores de limpeza da drenaxe, nova pavimentación con aglomerado en quente e renovación da sinalización horizontal. O prazo previsto de execución será de catro meses.
En Foz, os investimentos centraranse en sete estradas provinciais situadas na zona costeira e que conectan núcleos residenciais, áreas de servizos e accesos a praias como Llas e Arealonga. A actuación contará cun orzamento próximo aos 250.000 euros e ten como finalidade reforzar a seguridade viaria e facilitar a mobilidade nunha das áreas con maior presenza turística da Mariña.
As intervencións afectarán ás vías LU-P-2001, LU-P-2002, LU-P-2006, LU-P-2007, LU-P-2009, LU-P-2011 e LU-P-2013. Os traballos previstos consistirán na limpeza de cunetas, a mellora do firme mediante pavimentación con aglomerado en quente e a renovación da sinalización horizontal. Ademais, o proxecto contempla a ampliación da beirarrúa na rúa Eduardo Pondal co obxectivo de incrementar a seguridade peonil na contorna do centro escolar.
Pilar García Porto destacou que se trata dunha actuación relevante para mellorar comunicacións consideradas fundamentais tanto para a mobilidade interna do municipio como para os accesos ás zonas turísticas do litoral focense.
A Deputación tamén aprobou a adxudicación doutras obras de mellora viaria por un importe conxunto próximo ao medio millón de euros. Unha das actuacións desenvolverase no concello de Ourol, concretamente na estrada LU-P-3807, que enlaza Bravos e San Pantaleón ao seu paso por Foxo.
Neste caso, o investimento supera os 110.600 euros e permitirá actuar nun tramo de máis de tres quilómetros entre os puntos 6,510 e 9,543. As tarefas previstas inclúen a reapertura de cunetas, reparación de danos na vía e traballos de repavimentación.
Durante a sesión, a Xunta de Goberno tamén aprobou tres convenios de colaboración cos concellos de Lourenzá, Burela e Ourol por un importe global próximo aos 800.000 euros, destinados á mellora de instalacións municipais e ao apoio de iniciativas culturais e turísticas.
En Lourenzá, a Deputación investirá 150.000 euros na modernización da nave municipal situada no recinto feiral de Ponte de Cuñas. As actuacións previstas inclúen a renovación da cuberta, a mellora dos cerramentos e a optimización do sistema de evacuación de augas pluviais co obxectivo de completar a posta en valor deste espazo multiusos.
Pola súa parte, Burela recibirá máis de 600.000 euros para acometer a renovación integral do campo de fútbol da Marosa. O proxecto executarase en dúas fases entre os anos 2026 e 2027 e permitirá mellorar diferentes elementos da instalación deportiva, entre eles a estrutura, a cuberta, as gradas, os vestiarios e a accesibilidade.
Finalmente, o concello de Ourol contará cunha achega superior aos 20.700 euros destinada á organización da décimo cuarta edición do Festival Aturuxo de Bravos, que se celebrará os días 17 e 18 de xullo. O evento consolidouse nos últimos anos como unha das citas culturais e turísticas de referencia na comarca da Mariña.