A Deputación destina máis de 550.000 euros a novos investimentos en Viveiro e Ourol

AMariñaXa
Os convenios permitirán rehabilitar o Mercado de Abastos de Viveiro, mellorar infraestruturas e accesos en Ourol e recuperar patrimonio municipal
Deputacion-Cuberta-do-pavillón-de-Ourol
4 Aug 2026

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, formalizou este martes novos convenios de colaboración cos concellos de Viveiro e Ourol que mobilizarán un investimento superior aos 550.000 euros para executar diferentes actuacións orientadas á mellora de servizos, infraestruturas e patrimonio nos dous municipios.

A primeira das sinaturas tivo lugar en Viveiro, onde a responsable provincial e a alcaldesa, Mariña Gueimunde, rubricaron un acordo destinado á reforma do Mercado de Abastos. A Deputación achegará preto de 250.000 euros para impulsar a modernización deste inmoble histórico situado no centro da cidade.

A actuación permitirá reorganizar os espazos interiores para optimizar a distribución dos postos de venda, renovar as instalacións, incrementar a eficiencia enerxética, mellorar a accesibilidade e incorporar novos servizos que favorezan un funcionamento máis moderno e adaptado ás necesidades actuais. Carmela López destacou que esta intervención contribuirá tamén a reforzar o comercio de proximidade, apoiar aos produtores locais e dinamizar a actividade económica do casco histórico viveirense.

A continuación, a presidenta provincial desprazouse ata Ourol para asinar xunto ao alcalde, José Luis Pajón, dous convenios cun importe global superior aos 310.000 euros.

O primeiro permitirá acometer obras de eliminación de barreiras arquitectónicas na Casa da Cultura, cun investimento próximo aos 62.000 euros financiado integramente pola Deputación. O obxectivo é garantir que todas as persoas poidan acceder en igualdade de condicións ás actividades culturais e sociais que se desenvolven neste espazo municipal.

O segundo acordo, dotado con 270.000 euros, dos que preto de 250.000 serán achegados pola institución provincial, contempla a mellora dos accesos aos núcleos das Laxes, A Rega, Cadavosa, O Vilar e Requián. Ademais, inclúe actuacións para renovar a sinalización viaria mediante o repintado de pasos de peóns, marcas viarias, liñas de aparcadoiro e outros elementos destinados a reforzar a seguridade nas estradas locais.

Dentro deste mesmo proxecto tamén figura a rehabilitación do lavadoiro de Labrada, na parroquia de Bravos, co propósito de recuperar este elemento do patrimonio etnográfico respectando a súa configuración orixinal. O alcalde destacou o valor histórico desta construción e a importancia de conservala como parte da identidade cultural e paisaxística do municipio.

Durante a visita institucional, Carmela López reiterou que o apoio aos concellos resulta fundamental para fortalecer o medio rural, mellorar os servizos públicos e favorecer novas oportunidades de desenvolvemento para a veciñanza.

A xornada serviu tamén para supervisar outras actuacións financiadas pola Deputación en Ourol. Entre elas destacan a renovación da cuberta do pavillón municipal, cun investimento de case 140.000 euros para mellorar o illamento do edificio, e a remodelación das beirarrúas situadas na contorna da Casa Consistorial, que contou cunha achega próxima aos 180.000 euros.

Ademais, a presidenta anunciou a próxima mellora da estrada provincial LU-P-3801, que conecta o núcleo urbano con O Carme e As Lobeiras. As obras, actualmente en fase de licitación, superarán os 270.000 euros e incluirán a limpeza de cunetas, a renovación do firme con aglomerado en quente e a reposición da sinalización horizontal en varios treitos da vía.

0.11910915374756