A Deputación destina máis de 170.000 euros aos festivais Aturuxo e Resurrection Fest
Xunta de Goberno acordou este venres unha colaboración co Concello de Ourol para apoiar o Festival Aturuxo de Bravos con 20.500 euros, outra co Concello de Vilalba de 20.000 euros para o FIV, e o patrocinio do Resurrection Fest por 150.000 euros.
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou este venres destinar máis de 190.000 euros a tres festivais que se celebran na provincia de Lugo para apoialos e contribuír á súa financiación. En concreto, aprobou colaboracións co Concello de Ourol e de Vilalba para o festival Aturuxo e o FIV, respectivamente, e o patrocinio para o Resurrection Fest.
Por unha banda, a institución provincial aprobou un convenio co Concello de Ourol a través do que lle aporta 20.500 euros para a celebración do Festival Aturuxo de Bravos, que é “xa un referente da música e da cultura galega”, pois cada edición reúne a grupos e artistas de referencia no panorama musical tradicional. Este ano recuperará o seu formato orixinal logo de verse limitado nas últimas edicións pola pandemia, e volverá a última fin de semana de xullo. Ademais, este sábado farase unha presentación onde non faltará a música, os xantares tradicionais e os bailes.
O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, dixo que “valoramos moito a capacidade da organización para lanzar un programa moi atractivo con artistas como a Banda da Loba, que actúa hoxe, pero tamén a grupos como Rebeliom do Inframundo, Os Festicultores, Machina, Pesdelán, Pulpiño Viascón e o espectáculo de humor de Peter Punk”.
Para Roberto García, a organización deste certame en Bravos “pon en evidencia o que defendemos dende a Deputación. O noso rural non está baleiro, senón que está cheo de ideas e de propostas. O que necesita son políticas públicas para saír adiante”. Así mesmo, aproveitou a ocasión para convidar aos veciños e veciñas da comarca e da provincia a achegarse a Ourol “para gozar deste festival único e gratuíto, e para coñecer a parroquia de Bravos, un lugar que conta con moita tradición e historia”.
Na sesión, a Xunta de Goberno acordou así mesmo a adxudicación do contrato de patrocinio do Resurrection Fest de Viveiro, a través do que a Deputación achega 150.000 euros para a celebración da cita, que terá lugar entre o 29 de xuño e o 3 de xullo na cidade do Landro. A Deputación de Lugo apostou claramente dende o principio por este festival, ofrecendo un apoio que foi clave para que se consolidase como o que é hoxe: unha cita de referencia a nivel nacional e internacional, que atrae a milleiros de persoas e que produce un retorno económico de primeira orde para Viveiro e para toda A Mariña.