A Deputación de Lugo presenta en Intur a diversidade turística dos seus 67 concellos

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A institución provincial participou por primeira vez con espazo propio neste encontro internacional, no que deu a coñecer os cinco xeodestinos lucenses e propostas vinculadas á natureza, o patrimonio, a gastronomía e o mundo rural
deputacion-lugo-INTUR-2026
15 Nov 2026

A provincia de Lugo busca reforzar a súa proxección como destino turístico e ampliar a súa presenza nos principais escaparates especializados. Con este obxectivo, a Deputación participou esta fin de semana por primeira vez con stand propio en Intur, a Feira Internacional de Turismo de Interior, celebrada en Valladolid, onde presentou a variedade de recursos e experiencias que ofrecen os seus 67 concellos.

A cita, considerada unha das referencias do sector turístico no ámbito peninsular, reuniu na súa vixésimo novena edición arredor dun milleiro de destinos, empresas e colectivos profesionais. O encontro contou coa participación de once comunidades autónomas, 21 patronatos de turismo e máis de 200 concellos, ademais de mancomunidades, agrupacións de destinos, compañías hoteleiras, firmas tecnolóxicas e de transporte, medios especializados e asociacións sectoriais procedentes de España e Portugal.

O espazo habilitado pola institución lucense contou coa presenza de dous técnicos de turismo da Deputación e coa colaboración de guías oficiais, que atenderon as consultas dos visitantes e ofreceron información ás empresas e colectivos interesados en coñecer as posibilidades turísticas da provincia.

Un dos eixes da promoción foi a presentación dos cinco xeodestinos lucenses: A Mariña, Terra Chá, Lugo-Terras da Ulloa, Ancares-Terras de Burón e O Courel. A través deste punto informativo, os asistentes puideron achegarse ás características de cada territorio e descubrir as diferentes alternativas para organizar unha visita.

A oferta presentada incidiu especialmente na diversidade dos 67 municipios, cunha proposta pensada para distintos perfís de visitantes e válida durante todo o ano. A natureza, o patrimonio histórico, a gastronomía, a cultura, as actividades deportivas e fluviais e as experiencias relacionadas co medio rural conforman os principais atractivos dunha provincia que permite combinar diferentes formas de turismo.

Experiencias

Entre as propostas concretas que a Deputación levou a Valladolid figuraron algunhas experiencias vinculadas á identidade e ás tradicións do territorio. Así, os visitantes puideron coñecer a posibilidade de entrar nunha palloza e descubrir como eran as formas de vida tradicionais nos Ancares.

Tamén se promocionaron os percorridos en tren polas ladeiras da Ribeira Sacra, unha oportunidade para contemplar a paisaxe e achegarse á viticultura heroica, así como as rutas de navegación polos canóns dos ríos Sil e Miño.

Estas alternativas formaron parte dunha presentación coa que a institución provincial quixo amosar que Lugo ofrece moito máis ca destinos concretos, cunha combinación de paisaxes, patrimonio, tradicións e actividades que permite adaptar as visitas a diferentes intereses. Na edición anterior, Intur recibiu uns 36.000 visitantes, segundo os datos facilitados pola organización.

Promoción

A presenza en Valladolid enmárcase na estratexia da Deputación para incrementar a visibilidade turística da provincia e consolidar a súa participación en feiras e encontros especializados. Esta primeira asistencia con espazo propio a Intur súmase a outras citas promocionais nas que a institución estivo presente ao longo deste ano, como FITUR, Expocidades, Expovacaciones, BioCultura e Produart.

Deste xeito, a Deputación continúa apostando pola difusión dos recursos dos municipios lucenses en distintos escaparates turísticos, coa intención de dar a coñecer a variedade de destinos e experiencias que ofrece o territorio provincial.

0.14665794372559