A Deputación de Lugo mellora o acceso á praia de Coto cun investimento de 210.000 euros

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou o concello de Barreiros para comprobar de primeira man o resultado das obras de rehabilitación do firme da estrada LU-P-0611, que conecta o Barrio Novo, na N-634, coa praia de Coto. Esta actuación supón unha importante mellora para un dos accesos principais á zona costeira do municipio, especialmente frecuentada durante o verán.
A intervención, levada a cabo pola empresa Grupo Bascuas 2008 SL, supuxo un investimento de 210.000 euros e afectou á totalidade dos algo máis de dous quilómetros de lonxitude da vía. As tarefas realizadas incluíron a limpeza de cunetas, a repavimentación do firme con aglomerado en quente, a sinalización horizontal con marcas reflexivas brancas e a reposición da sinalización vertical.
Durante a visita, José Tomé estivo acompañado pola alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida; a tenente de alcaldesa, Carmen Veiga; e membros da corporación municipal. O mandatario provincial destacou a relevancia da actuación para a Mariña lucense: “Esta é unha actuación moi relevante para o municipio mariñán xa que esta estrada conta con elevado volume de tráfico especialmente na época estival, pois conecta coa N-634 e á LU-P-0610 que dá a unha das zonas máis turísticas de Barreiros, a praia de Coto. A mellora desta vía garantirá a circulación dos seus usuarios e usuarias nas máximas condicións de seguridade e comodidade”.
Tomé Roca sinalou ademais que este tipo de proxectos responden á vontade da Deputación de Lugo de potenciar a mobilidade e o desenvolvemento local a través da mellora das infraestruturas. “O proxecto forma parte da aposta decidida da Deputación por mellorar a rede viaria provincial e contribuír ao desenvolvemento socioeconómico dos concellos. No caso concreto de Barreiros, esta intervención non só mellora a mobilidade e a accesibilidade, senón que tamén reforza a proxección turística do municipio, facilitando un acceso máis seguro e eficiente a un dos seus principais atractivos naturais”, afirmou.
Neste sentido, enmarcou a actuación dentro do Plan de Mellora de Estradas da Deputación, un programa ambicioso que contempla obras en 400 quilómetros de vías provinciais cun orzamento global superior aos 15 millóns de euros. “Este proxecto está dentro do Plan de Mellora de Estradas que temos en marcha desde a Deputación de Lugo co que acometeremos obras en 400 quilómetros de vías provinciais, cun investimento total que supera os 15 millóns de euros”, explicou o presidente, quen engadiu que “xa están en proceso de contratación preto do 90 % dos 80 proxectos iniciais”.
Así, a Deputación continúa avanzando no seu compromiso coa mellora das comunicacións nos concellos lucenses, apostando por unha rede viaria máis segura, moderna e funcional.