A Deputación de Lugo licita obras de mellora na LU-P-3807 en Ourol

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou recentemente a licitación das obras de reparación dun treito da vía provincial LU-P-3807, ao seu paso polo concello de Ourol, nun investimento que ascende a 110.607,69 euros. Así o explicou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, tras a reunión da Xunta.
O deputado detallou que os traballos afectarán ao tramo comprendido entre o punto quilométrico 6,510 e o 9,543, que conecta as parroquias de Bravos e San Pantaleón ao seu paso por Foxo. As actuacións inclúen a reapertura de cunetas, reparación de danos estruturais e repavimentación da calzada, co obxectivo de restablecer unhas condicións de circulación seguras para veciños e transportistas.
Rivera Capón destacou que esta estrada “resultou gravemente afectada polas intensas borrascas deste inverno, chegando mesmo a derrubarse unha ponte”, motivo polo cal a Deputación considera prioritaria a intervención. O deputado sinalou tamén que se está tramitando o arranxo da infraestrutura danada, co fin de garantir que as obras se executen antes mesmo de que se inicie este proxecto licitado.
A actuación forma parte do plan provincial de mantemento e mellora de vías que pretende garantir a seguridade viaria e a conectividade entre parroquias do interior de Lugo, reforzando a mobilidade e facilitando a actividade económica na zona. Segundo Rivera Capón, “este investimento non só mellora a calidade das estradas, senón que tamén contribúe a manter o tecido social e económico das comunidades rurais”.
As empresas interesadas en executar o proxecto poderán presentar as súas ofertas durante o prazo establecido pola Deputación, que supervisará a correcta execución dos traballos para garantir a durabilidade e eficacia das actuacións.