A Deputación de Lugo impulsou o Arde Lucus 2024 e un programa de conciliación en Barreiros

LugoXa | AMariñaXa
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou dous acordos de colaboración cos concellos de Lugo e Barreiros
xunta-de-Goberno-deputacion
6 Sep 2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou dous acordos de colaboración cos concellos de Lugo e Barreiros, destinados a mellorar os servizos públicos e a dinamizar a economía local. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, destacou que estas novas accións enmárcanse dentro do compromiso da Deputación para garantir que os municipios da provincia conten cos recursos necesarios para impulsar a promoción turística e mellorar as dotacións da veciñanza.

Un dos acordos supón unha achega de 50.000 euros ao Concello de Lugo para a organización do Arde Lucus 2024, unha das festas máis importantes da cidade, declarada de Interese Turístico Internacional. Segundo explicou Pablo Rivera, esta contribución permitiu a celebración do circo romano, un dos espectáculos estrela do evento, ademais de apoiar a organización e montaxe dos campamentos das 19 asociacións participantes. Ademais, a Deputación tamén colaborou coa promoción do evento a través da produción de vídeos, campañas publicitarias e presenza en feiras turísticas.

“O Arde Lucus é un verdadeiro motor económico para Lugo e a provincia, atraendo milleiros de visitantes de todo o mundo”, subliñou Rivera, quen destacou que a Deputación mantén un firme compromiso con este evento, contribuíndo ao seu éxito e crecemento nas últimas edicións. O obxectivo é seguir traballando co Concello de Lugo para dar maior visibilidade a esta festa que xa se consolidou como un referente no calendario turístico e cultural.

Por outro lado, a Xunta de Goberno tamén aprobou unha colaboración co Concello de Barreiros para apoiar o Programa + Concilia Barreiros, unha iniciativa destinada a facilitar a conciliación laboral de 92 familias durante os períodos non lectivos. A Deputación achega 17.000 euros para este programa, ao que o concello contribúe cunha achega adicional de 4.000 euros. Este programa, no que participaron 280 nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, celebrouse durante a Semana Santa, a última quincena de xuño e a primeira de setembro. Ofreceu actividades deportivas, culturais e educativas, fomentando o desenvolvemento integral dos menores.

“Sabemos o importante que é para as familias compaxinar a vida laboral coa crianza, por iso apoiamos iniciativas como esta, que non só facilitan a conciliación, senón que tamén axudan ao desenvolvemento dos cativos”, destacou Rivera. Estes dous acordos reflicten o compromiso da Deputación de Lugo cos concellos da provincia, colaborando en iniciativas que melloran a vida dos veciños e dinamizan a economía local.

0.17160296440125