A Deputación de Lugo impulsa melloras viarias en Alfoz e A Pontenova cun investimento que supera os 387.000 euros

AMariñaXa
O organismo provincial destina 250.000 euros a 18 actuacións na rede de estradas de Alfoz e licita por 137.000 euros a rehabilitación dunha vía en Conforto, na Pontenova
Pilar-Porto-Deputación-de-Lugo
3 Oct 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de aprobar un paquete de actuacións centradas na mellora das infraestruturas viarias da provincia. Así o deu a coñecer a voceira socialista, Pilar García Porto, quen puxo en valor o compromiso do executivo provincial co apoio aos concellos.

“Ser o Concello dos concellos é a idea vertebradora de toda a nosa acción de Goberno. Facémolo co convencemento de que cooperar cos concellos é a mellor maneira de ser útiles á veciñanza”, subliñou García Porto.

En Alfoz, o organismo provincial destinará 250.000 euros para executar 18 actuacións que afectarán a 11,2 quilómetros de estradas municipais en 8 das 9 parroquias do municipio. Os traballos permitirán acondicionar camiños en Carballido, Adelán, Mor, Reirado, Bacoi, Lagoa, Oiras e Pereiro. Entre as intervencións previstas figuran melloras nos accesos ao circuíto de motocross, o acondicionamento de vías en Lavanco, Lameiro, Insua Nova ou Rubeiro, entre outras.

Segundo explicou García Porto, “a maquinaria agrícola, as condicións climáticas e o paso do tempo desgasta as vías no rural da provincia, e moitas veces os concellos pequenos non contan co orzamento suficiente para poder acometer estas actuacións”.

No caso da Pontenova, a Deputación licitou por 137.151,71 euros as obras de mellora da rede viaria na parroquia de Conforto. Trátase da rehabilitación dunha estrada municipal que parte da LU-P-4809, á altura do río Turia, en dirección á Ermida de San Antonio. A vía dá servizo a un establecemento hostaleiro e a varias vivendas.

O proxecto, que abrangue algo máis dun quilómetro, inclúe a reapertura de cunetas, a pavimentación completa do firme e o pintado con marcas reflexivas brancas. “Esta parroquia, que ten na mobilidade un dos seus principais desafíos, poderá acometer unha mellora moi necesaria para a súa veciñanza”, concluíu a voceira socialista.

⚙ Configurar cookies
0.094932794570923