A Deputación de Lugo destina preto de 630.000 euros a proxectos en varios concellos da provincia

AMariñaXa
O investimento permitirá mellorar infraestruturas, reforzar servizos públicos, apoiar asociacións e avanzar na mobilidade
Pilar-Porto-Deputación-de-Lugo
13 Sep 2025

A Deputación de Lugo aprobou este venres, en Xunta de Goberno, un paquete de investimentos que suman case 630.000 euros para impulsar proxectos e actuacións en distintos puntos da provincia. A voceira socialista do executivo provincial, Pilar García Porto, explicou que se trata “dun investimento clave que permitirá mellorar infraestruturas, reforzar servizos públicos, apoiar o tecido asociativo e avanzar na mobilidade, contribuíndo así ao desenvolvemento económico e social da comarca”.

Un dos municipios máis beneficiados será A Pontenova, que recibirá preto de 400.000 euros para dous proxectos principais. O primeiro, con 250.000 euros de orzamento, financiará a humanización da Praza dos Fornos, co obxectivo de integrar a zona de aparcadoiro e reforzar a seguridade viaria, ademais de mellorar a drenaxe da auga da choiva. Con este acordo tamén se executará a reconstrución do estribo dereito da ponte do Fondón, infraestrutura municipal que dá acceso a unha área recreativa e que precisa estabilizarse fronte ás condicións do río Eo.

Ademais, o Concello da Pontenova poderá mercar fincas anexas ao cemiterio para amplialo, xa que se atopa ao límite de capacidade, e adquirir novo equipamento: un camión con plataforma elevadora, unha impresora multifunción e un contador con depósito de distribución de auga.

O segundo proxecto, cun investimento próximo aos 140.000 euros, permitirá renovar a rede viaria da parroquia de Conforto. A mellora afectará a unha vía municipal que conecta coa estrada provincial LU-P-4809, dando servizo a vivendas e a un establecemento hostaleiro.

No apartado de convenios, a Deputación destinará máis de 20.000 euros á Asociación Recreativa e Cultural Os do 21, do Vicedo, unha entidade sen ánimo de lucro con máis de catro décadas de historia que promove música, danza, teatro e tradicións populares. Estes fondos cubrirán gastos de mantemento, indumentaria, transporte, materiais culturais e seguros de responsabilidade civil.

Tamén quedaron adxudicadas as obras de mellora da estrada LU-P-2806, que une Lourenzá e Mondoñedo. Os traballos, cun orzamento de 204.799 euros, consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e nova sinalización horizontal ao longo de case 4 quilómetros, desde A Cazolga ata a parroquia mindoniense de Oirán. García Porto destacou que “é unha vía estratéxica que conecta núcleos entre os dous concellos, dá acceso a servizos públicos e resulta importante para o turismo da Mariña”.

En materia de emprego, a Deputación deu luz verde ás bases para convocar 16 novas prazas nos Centros de Atención a Maiores: 7 de enfermaría, 4 de fisioterapia e 5 de terapia ocupacional, todas por concurso oposición. A deputada subliñou que a rede provincial de 9 residencias sitúa ás persoas no centro da atención, con servizos “públicos, próximos e de calidade”. Engadiu que a incorporación de novo persoal “permitirá fortalecer o modelo, mellorando a atención individualizada e multidisciplinar, que xa é exemplo en toda Europa”.

⚙ Configurar cookies
0.15470814704895