A Deputación de Lugo destina 40.000 euros á Federación Galega de Comercio

A Deputación de Lugo achegará 40.000 euros á Federación Galega de Comercio para financiar o mantemento dunha oficina técnica de información e asesoramento dirixida aos comerciantes da provincia interesados en mellorar a súa competitividade.
Este servizo ofrece asesoramento xurídico, fiscal e administrativo, ademais de apoio en procesos de dixitalización, innovación e venda en liña. Tamén presta axuda na xestión empresarial e no acceso á financiación, así como formación e cursos de actualización. Así mesmo, dá servizo a asociacións de comerciantes que non contan con estrutura propia, impulsa o emprendemento e organiza campañas e eventos destinados a promocionar o comercio local.
A presidenta da Deputación, Carmela López, destacou que esta achega permite fortalecer un sector estratéxico pola súa capacidade de xerar emprego e polo seu papel na dinamización económica e social do territorio. Segundo explicou, a institución busca dotar os comerciantes de ferramentas para afrontar os retos actuais, especialmente no ámbito da dixitalización e da competitividade, ao tempo que impulsa un modelo de colaboración eficiente no tecido asociativo.
Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, valorou positivamente a implicación da Deputación de Lugo co tecido comercial lucense, sinalando que esta achega garante información e apoio aos empresarios e estruturas comerciais, facilitando ferramentas clave para a súa competitividade, o fomento do emprendemento e a promoción dun sector con relevancia económica e social.
O orzamento previsto para o funcionamento deste servizo durante o presente exercicio ascende a 349.000 euros, fondos que permiten financiar un equipo especializado e as instalacións desde as que se ofrece atención directa e asesoramento aos propios establecementos.