A Deputación de Lugo conta xa con 9 centros públicos de atención a maiores na provincia
A institución abriu dende o ano 2019 con José Tomé Roca como presidente 6 residencias (na Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil), que se suman ás tres que estaban en funcionamento –en Trabada, Ribadeo e Pol.
A Deputación de Lugo dedica un terzo do total do seu presuposto anual a políticas sociais, máis de 34M€, o que converte nunha das poucas institucións provinciais de España cunha rede de protección social tan ampla e eficaz, que xa é unha sinal de identidade da propia entidade e un referente en España e en Europa polo modelo público de asistencia ás persoas maiores que ten implantado en colaboración cos concellos.
A institución abriu dende o ano 2019 con José Tomé Roca como presidente 6 residencias –na Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil-, que se suman ás tres que estaban en funcionamento –en Trabada, Ribadeo e Pol-. Polo tanto, conta xa con 9 centros de atención a maiores, que ofrecen en total máis de 300 prazas asistenciais e manteñen uns 230 postos de traballo directos, o 95% deles ocupados por mulleres.
Ademais, a Deputación segue traballando para sacar adiante proxectos noutros nove concellos: A Pontenova (que xa está en obras); Guitiriz (adxudicada); Portomarín (asinado un novo convenio de colaboración para a construción); A Pobra do Brollón (en fase de licitación); Becerreá (en proceso de instalación dun centro de transformación eléctrica e do equipamento); Pantón (redactado o proxecto e asinado o convenio); Ourol; Folgoso do Courel; e Cervantes.
O modelo asistencial que ten implantado a entidade provincial é un referente en España e Europa por ofrecer en pequenas residencias situadas no rural unha atención de calidade, favorecer o arraigo da veciñanza e crear riqueza e emprego, sobre todo feminino
Un modelo de referencia
A institución provincial ten implantado en colaboración cos concellos un modelo asistencial 100% público de pequenas residencias situadas no rural, cunha media de 30 usuarios e usuarias e 25 traballadores, practicamente un coidador por residente, o que garante unha asistencia de calidade e condicións laborais dignas. Favorece ademais o arraigo porque os veciños do concello e da comarca na que se localizan os centros teñen prioridade de acceso ás prazas, polas que os usuarios pagan segundo a súa capacidade económica. Polo tanto, a institución facilita que cada persoa poida permanecer no lugar no que fixo a súa vida, convivindo cos seus veciños e veciñas e atendidos por persoal que na súa maioría é da súa zona e mesmo coñecen.
Os centros de maiores da Deputación de Lugo teñen unhas infraestruturas modernas e adaptadas ás necesidades dos maiores e ao seu grao de dependencia. A maiores dos servizos esenciais ofrecen actividades destinadas ao entretemento e a fomentar unha vida activa. As residencias contan tamén cun servizo de limpeza continua, lavandaría e xastrería. O persoal dedica unha atención especializada en áreas fundamentais, como a hixiene persoal ou a mobilidade. Ademais, ofrécense menús adaptados elaborados por expertos en nutrición, cociñados con produtos de temporada e de proximidade, pensando sempre en coidar a saúde dos maiores. É habitual que as direccións dos centros organicen menús especiais cadrando con aniversarios ou celebracións arraigadas na provincia, como é o San Xoán, o Entroido, o magosto, ou o Nadal, co obxectivo de que a súa vida no centro se asemelle ao máximo posible á que levaron sempre.
O modelo da Deputación favorece o benestar, a calidade de vida e a tranquilidade dos maiores e das súas familias, e, ao mesmo tempo, ten un retorno económico importante para a zona na que están instalados os centros, pois crean emprego, sobre todo feminino, –unha media de 25 postos de traballos directos máis os empregos indirectos- e dinamizan a economía das zonas nas están instalados porque se abastecen de servizos e de produtos de proximidade.
Acción eficaz de apoio ó rural
Trátase, en definitiva, de converter un factor como o envellecemento nun elemento de dinamización socioeconómica a través dun claro exemplo da economía circular. Así, o modelo constitúe unha acción eficaz para afrontar o reto demográfico e para fixar poboación no territorio, como así o valorou o Goberno do Estado a través da Secretaría Xeral para o Reto Demográfico.
De feito, a economía dos coidados que aplica a Deputación vai na liña marcada polo Goberno do Estado para o novo modelo de residencias e ten boa acollida en Europa, tal e como quedou constatado durante a participación da institución, xa por tres ocasións, na Semana Europea das Rexións e Cidades, o maior evento anual que se celebra en Bruxelas dedicado á política rexional.