A Deputación de Lugo comprométese a financiar unha nova furgoneta para o Club de Piragüismo Viveiro

O Club de Piragüismo Viveiro disporá dunha nova furgoneta grazas ao apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que confirmou o compromiso de achegar os fondos necesarios ao longo do vindeiro ano. O anuncio realizouse durante unha visita ás instalacións do club, na que participaron o vicepresidente provincial, Efrén Castro, e o deputado de Mocidade, Daniel García, quen mantiveron un encontro coa directiva para coñecer de primeira man as súas necesidades.
Ambos representantes provinciais explicaron que “ao longo deste último ano mantivemos diversas xuntanzas coa directiva, que nos trasladou a urxencia de renovar o vehículo actual”, e destacaron que esta achega se enmarca “no esforzo continuo por modernizar e mellorar as instalacións e os recursos dos clubs de piragüismo e remo da provincia”. Recordaron, ademais, que a Deputación leva anos impulsando actuacións en hangares e promovendo axudas extraordinarias para equipamento deportivo, embarcacións e vehículos destinados á actividade competitiva.
A nova furgoneta, que se financiará con cargo aos orzamentos provinciais de 2026, permitirá ao club vivariense reforzar os seus desprazamentos tanto en competición como en actividades formativas, un aspecto esencial nun deporte que require mobilidade constante para participar en probas por toda Galicia e tamén fóra dela.
O apoio ao Club de Piragüismo Viveiro súmase ás achegas anuais por concorrencia competitiva que reciben as entidades deportivas da provincia. No caso concreto do piragüismo, esta rede de colaboración complétase co financiamento da Copa Deputación de Lugo de Piragüismo e co Plan de Promoción de Piragüismo da Federación Galega, que ofrece asesoramento especializado e formación para o persoal técnico dos clubs.