A Deputación de Lugo colabora con ASPANANE con 5.000 euros para os gastos da asociación
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar coa presidenta de ASPANANE, María Dolores Fernández, un convenio por importe de 5.000 euros para colaborar cos gastos correntes desta asociación.
A institución provincial renova así o seu compromiso coa atención das persoas con discapacidade intelectual da provincia, que nos últimos 8 anos se traduciu nun investimento de máis de 165.000 euros para o funcionamento desta asociación e as melloras da súa sede.
Tomé Roca explicou que o compromiso da institución provincial con ASPANANE “é moi grande. Nos últimos anos colaboramos coa Asociación de Pais e Nais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro cun investimento moi importante que se traduciu en reformas e melloras do seu centro ocupacional situado en Celeiro; en achegas para colaborar cos seus gastos correntes e tamén en continuas colaboracións para a realización de talleres, compra de material e diferentes iniciativas encamiñadas a mellorar a calidade de vida dos seus usuarios e usuarias”.
Un compromiso do que Tomé Roca asegurou sentirse “moi orgulloso”. “As políticas sociais son un dos piares da nosa acción de Goberno, dicímolo sempre e demostrámolo con feitos, asinando convenios coma este ou apostando por unha rede de residencias propias”, valorou Tomé Roca. E detallou que a Deputación destina ás políticas sociais un terzo dos Orzamentos, 38M€ este ano, “un esforzo enorme co que suplimos as carencias da Xunta, que é quen ten as competencias”.